SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
O voceiro do grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, que terá que testificar a semana que vén no xuízo contra catro acusados de pertencer a Resistencia Galega, xulgou que "o único crime que cometeron é exercer indignación" e que a iso "se lle chama terrorismo".
Así o expresou ao ser preguntado pola comparecencia á que está chamado a acudir o próximo luns, e ao respecto da cal ironizou con que "en España non saben que aquí é festa" o luns de San Xoán.
"E despois da sardiñada da véspera, dos lumes, cacharelas... hai que vir aquí pola mañá, pero claro, se un ten en conta que hai rapaces, xente nova, que o único crime que cometeron é exercer indignación e iso se chama terrorismo, pois teño a obriga, por moita festa que sexa", manifestou.
Xosé Manuel Beiras tamén criticou que estas persoas están "sometidas a unha situación límite que conculca absolutamente as normas internacionais". "Pero isto é un estado de dereitas, non de dereito", sentenciou.
A Fiscalía da Audiencia Nacional pídelles aos procesados penas que suman 64 anos de cárcere por pertenza a organización terrorista, tenza de explosivos e falsificación de documentos.