Benjamin Clementine, confirmado para a primeira edición do 'Super Bock Under Fest', o próximo marzo en Vigo

Benjamin Clementine
REMITIDA
Actualizado: jueves, 14 diciembre 2017 18:39

Máis de 20 bandas e artistas presentarán a súa música en directo durante os dous días do festival

VIGO, 14 Dic. (EUROPA PRESS) -

O británico Benjamin Clementine é o primeiro nome confirmado para a primeira edición do 'Super Bock Under Fest', que se celebrará os días 23 e 24 de marzo en varias salas de Vigo.

Este festival xorde froito da colaboración de Super Bock co Concello de Vigo para levar á cidade "a mellor música da actualidade con nomes nacionais e internacionais consagrados", e ten tamén por obxectivo servir "como escenario para promover novos talentos da escena galega e portuguesa", segundo explican os organizadores.

Será un festival ecléctico que levará por varios espazos de Vigo estilos musicais diferentes, desde o 'indie' e o rock, até a música electrónica.

A idea é, así mesmo, ofrecer ao público a oportunidade de explorar a cidade de Vigo a través de varias salas e concertos, nunha mestura de propostas "capaces de proporcionar unha experiencia única".

A CABEZA DE CARTEL

O 'Super Bock Under Fest' terá como cabeza de cartel a Benjamin Clementine, músico británico que foi descuberto após actuar nas rúas de Londres e París, onde rapidamente se fixo notar pola súa particular voz, poesía e carisma.

'Cornerstone', o seu primeiro EP, e 'At Least for Now', o seu disco de debut de 2015, revelan unha voz e forza dunha intensidade difícil de catalogar.

Cantante, compositor e pianista, Clementine foi sempre autodidacta e co seu ambicioso novo álbum 'I Tell a Fly' asumiu unha gravación autoproducida na que reflicte a súa visión do mundo e explora novos territorios, dos compositores impresionistas á música electrónica.

Un traballo que pasa por diversas texturas musicais e que vai do humor negro á desolación con retratos de varios conflitos internacionais de resultado "poderoso, satírico e crítico".

ABONO 30 EUROS

Ademais do cantante e compositor londinense, máis de 20 bandas e artistas presentarán a súa música en directo durante os dous días do festival.

O abono, que dá acceso a todos os espazos os dous días, pode adquirirse ao prezo de 30 euros. As entradas para o concerto de Benjamin Clementine o día 24 de marzo no Hall do Auditorio Mar de Vigo, que son limitadas, teñen un prezo de 20 euros e están xa á venda en Ataquilla.com.