Besteiro confía na inocencia de Pachi Vázquez, pero insiste en que "as normas están para ser cumpridas"

Actualizado: miércoles, 28 enero 2015 15:33

LUGO, 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou confiar na "inocencia" do seu antecesor Pachi Vázquez, ante o procesamento aberto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por un presunto delito de prevaricación na adxudicación de prazas cando exercía como alcalde no Carballiño.

"Confío claramente na inocencia de Pachi Vázquez", asegurou, para engadir seguidamente que, de tódolos xeitos, "as normas están para ser cumpridas". E esas normas do PSOE supoñen que se tivese que sentar no banco dos acusados, Pachi Vázquez tería que dimitir.

"É un criterio claro do PSOE e aplícase con independencia da persoa que se poida ver afectada", insistiu, para subliñar, de novo, que os socialistas confían "na inocencia de Pachi Vázquez".

"ABSOLUTO RESPECTO"

Besteiro tamén se pronunciou sobre o sobresemento da causa contra o expresidente da Deputación Francisco Cacharro, no marco da 'Operación Muralla'. En contreto, trasladou o seu "absoluto respecto" cara á decisión da fiscalía e cara á figura de quen tamén lle antecedía como presidente provincial.

"Respecto ás decisións xudiciais e o máis profundo respecto para calquera afectado en preitos xudiciais", aseverou.

O líder socialista realizou estas declaracións tras unha visita ao centro cívico de Monforte, reformado tras unha inversión de 315.000 euros achegados pola Deputación de Lugo.