Besteiro destaca que "as maiorías absolutas do PP desaparecen"

El secretario xeral del PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 27 abril 2015 20:43

Cre que a expectativa do PP de recuperar a Deputación de Lugo é soamente unha ilusión que se vai truncar o 24 de maio"

   LUGO, 27 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou este luns que as enquisas confirman que "as maiorías absolutas do PP desaparecen", mentres que os socialistas ven mellorados os seus datos alí onde gobernan.

   Preguntado sobre a enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, Besteiro atribuíu a predición para o PP a que "as súas maiorías se tornaron en minorías para os cidadáns". "É un partido que defraudou a todos e, como defrauda, non obtén eses respaldos maioritarios", concluíu.

   "A grande máxima desta sondaxe indica claramente algo que xa viñamos dicindo nos últimos meses: que o PP non é capaz de encher expectativas, que é un partido que defrauda a todos os niveis e os cidadáns non lle dan un respaldo maioritario", incidiu, convencido de que as maiorías absolutas do PP "non serviron para nada".

   En fronte, remarcou que o seu partido "mantén posicións e aumenta" onde goberna. "É moi posible que haxa maiorías absolutas do Partido Socialista en Galicia e esa é a diferenza co PP", augurou o xefe de filas do PSdeG.

   A continuación, reflexionou sobre "outras forzas políticas das os cidadáns expresan dúbidas sobre a quen representan e a quen van representar despois do 24 de maio" e deu por feito que "esa incerteza" vai situar o PSOE "como único cambio posible" para os electores".

LUGO E VIGO

   En canto a Lugo, cidade na que o aspirante socialista á reelección, Xosé López Orozco, se mantén, mentres baixa o PP, Besteiro opinou que a posición do alcalde é "moi sólida" porque ten "un proxecto, unha solvencia" mentres os populares "non defenden os veciños", por exemplo, no relativo á dotación do HULA.

   "O PP e o seu candidato (Jaime Castiñeira) puxeron de costas aos veciños, non comparten as necesidades dos cidadáns e responden a uns intereses que non son os de Lugo, coma se o seu único interese fose defender a Núñez Feijóo", reprobou.

   Sobre Vigo, toda vez que as enquisas sitúan o candidato do PSOE á reelección, Abel Caballero, ao bordo da maioría absoluta, puxo en valor que "ten o apoio dos veciños" e ese é o seu "verdadeiro e importante apoio".

   Finalmente, a respecto das expectativas do PP de facerse coa Deputación de Lugo, que actualmente lidera Besteiro, xulgou que se trata dunha "ilusión que se vai truncar o 24 de maio", pois os populares "non traballaron o suficiente" para iso. De feito, ao seu entender, o seu labor de oposición foi "un claro desastre, desnortada,", o que levou a esta formación a opoñerse mesmo "aos plans de emprego".