Besteiro pide "transparencia" a Feijóo na fraude en cursos de formación, pois a información "axuda a tranquilizar"

José Ramón Gómez Besteiro y José Luis Méndez en el Parlamento
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 22 octubre 2014 15:44

Di que o presidente aínda non o citou para tratar a renovación dos órganos estatutarios e cre que "debe falar con todos" os grupos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Oct. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, demandou unha vez máis este mércores ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "transparencia" no relativo á suposto fraude en cursos de formación da Xunta, pois a información "axuda a tranquilizar e a esclarecer os comportamentos políticos" á marxe das "consecuencias penais".

Preguntado en rolda de prensa sobre a petición de AGE e BNG de activar unha comisión de investigación parlamentaria sobre este caso, que suma sete imputados, Besteiro recordou que "dende o primeiro momento" pediu ao presidente que fose "absolutamente transparente na xestión da información".

"É a forma de actuar do PSOE: ter a máxima información para avaliar despois as responsabilidades", sintetizou, partidario de que "a claridade e a transparencia deben ser unha máxima" ante o que está a aflorar.

De feito, asegurou que se el fose "o máximo dirixente do PP non tería inconveniente en ser absolutamente transparente". "Aínda que se estea a producir unha investigación xudicial", apostilou o lucense, dende o convencemento de que "nada impide e nada debe evitar" que se facilite información "aos representantes do pobo galego".

REUNIÓN CON FEIJÓO

Por outra parte, acerca da súa reunión con Feijóo para abordar a renovación dos órganos estatutarios --o Valedor do Pobo, a CRTVG e o consello de contas--, confirmou que aínda non foi convocado.

E, tras mostrarse "totalmente a disposición" do presidente no momento en que lle chame, o xefe de filas do PSdeG advertiu de que os encontros "non deben ser para fotos, senón para resolver cuestións" pendentes "cunha óptica moi ampla".

Neste sentido, pediu que a renovación deses postos se faga "apostando pola rexeneración e a transparencia" e animou aos cidadáns a xulgar "quen aposta pola rexeneración, a rendición de contas e a transparencia e quen non".

En canto a se o presidente debería reunirse co resto de forzas a oposición, Besteiro opinou que "debe falar con todo o mundo". "É o que eu faría", esgrimiu, aínda que non quixo afondar en se debería haber encontros unilaterais ou un a catro bandas.

"O importante é falar, e que os diálogos se manteñan", opinou, ao recordar que "non se volveu saber máis" da primeira reunión que mantivo co presidente hai un ano. "En tempos de crise, hai que facer bandeira do diálogo e a transparencia", finalizou.