O BNG non ten nada que ocultar" na súa xestión na Vicepresidencia

Xavier Vence
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 22 noviembre 2014 13:45

Vence considera que "debe esclarecerse todo o que se teña que esclarecer" e afirma que "a Xustiza debe actuar"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou este sábado que a súa formación non ten "nada que ocultar" na súa xestión á fronte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, despois do rexistro efectuado por orde da xuíza Pilar de Lara Cifuentes nese departamento e outras áreas da institución provincial, na que están á fronte os socialistas.

   "Non hai nada que ocultar pola nosa parte", afirmou Vence, a preguntas dos medios antes de participar nunha manifestación en Santiago de Compostela.

   "O que dicimos é que a Xustiza e a xuíza debe actuar, debe esclarecerse todo o que se teña que esclarecer e non hai nada que ocultar pola nosa parte", insistiu.

   Neste sentido, o voceiro nacional do BNG, que indicou que non tivo "a ocasión" aínda de falar co vicepresidente da Deputación de Lugo -- o nacionalista Antonio Veiga--, trasladou "todo o interese en actuar favorecendo o labor de investigación do xulgado".

   Preguntado por este tema, o parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, manifestou que non le "merece ningunha valoración" porque non está "suficientemente informado". "Cando non estou informado, non boto a lingua a pastar", sostivo.

REXISTRO

   Nos rexistros levados a cabo o venres os axentes mobilizados reuniron facturas e outra documentación relacionada co programa ambiental de visitas 'Km 0', así como sobre asuntos relativos ao club deportivo Breogán na área de Deportes da Deputación.

   En concreto, a mañá do venres, axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal acudiron coa xuíza Pilar de Lara á institución provincial a pedir documentación e realizar envorcado de ordenadores das áreas vinculadas co programa 'Km 0'.

   Os axentes solicitaron na Deputación o acceso e o envorcado de ordenadores de varios departamentos, todos eles relacionados co citado programa de visitas, como Relacións Institucionais, Protocolo, Atención ao Cidadán, Gabinete de Comunicación e Contratación.

   Unha vez concluído o rexistro no Gabinete de Comunicación da institución provincial, os axentes presentaron un novo oficio para o envorcado de información de ordenadores en Vicepresidencia e Deportes, áreas que xestionan os socios nacionalistas do executivo da Deputación de Lugo, tras o que acudiron ao departamento de Fondos Europeos.

   Da área de Deportes, os axentes requiriron documentación de acordos co Breogán, equipo de baloncesto da cidade de Lugo do que o accionista maioritario é a Deputación. Precisamente o presidente do club deportivo do Breogán é o vicepresidente da institución provincial lucense, o nacionalista Antonio Veiga.

   Estes rexistros foron ordenados pola titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que tamén mandou este venres o envorcado do ordenador dun funcionario do Concello da capital luguesa e solicitar documentación no marco das mesmas dilixencias que levou ao rexistro na Deputación provincial.