BNG e AGE ven "fundamental" que Méndez explique ante a Xustiza e Parlamento as vendas de Caixa Galicia á súa muller

José Luis Méndez, Caixa Galicia
CONCHI PAZ
Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 17:31

PSdeG reclama á Xunta información e o PPdeG cre que a comisión "non pode depender da aparición constante" de documentación

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

Os grupos parlamentarios do BNG e AGE coincidiron este luns en reclamar que o exdirector de Caixa Galicia José Luis Méndez dea explicacións ante a Xustiza e de novo no Parlamento galego no marco da investigación das caixas galegas para que aclare a venda de inmobles da entidade á súa muller con descontos sobre o seu prezo.

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, asegurou o domingo nunha entrevista coa Radio Galega que sería "lóxico" chamar a declarar a José Luis Méndez tras a denuncia da CIG sobre supostas vendas irregulares de inmobles á súa muller en caso de que "se"abrise procedemento penal", aínda que remarcou que esa sería unha "decisión" que tería que ser tomada por quen o instruíse.

Preguntado por esta cuestión, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, mostrouse de acordo co fiscal para que Méndez declare ante a Xustiza, ao tempo que considera "fundamental que acuda a esta Cámara para que dea explicacións" porque a documentación achegada polo BNG para a investigación das caixas "o que denota é prácticas de saqueo, de enriquecemento total e absoluto da súa familia a custa de producir un grave prexuízo patrimonial neste caso a Caixa Galicia".

Ao respecto, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, tamén se sumou ás declaracións do fiscal, aínda que cre que "chegan tarde", porque "calquera vería" os "buratos económicos respecto a as fraudes inmobiliarios" que había en Galicia, así como os "os empréstitos a interese cero que se concederon a moitas das persoas da política galega en xeral".

"Polo tanto había máis que luz e taquígrafos para de aquela xa rematar e culminar o traballo da comisión das caixas e derivalo á Fiscalía, cuestión que dende o PP se negou en rotundo", indicou. Ao respecto, cre que os "desvergonzados se fixeron ultramillonarios" teñen que render contas" ante a Xustiza, pero tamén ante o Parlamento galego.

Pola súa banda, o voceiro parlamentaria socialista, José Luis Méndez Romeu, limitouse a expresar que o fiscal "ten suficiente capacidade de reclamar a comparecencia de calquera cidadán se entende que hai indicios de delito".

Ao respecto, sinala que o PSdeG reclamou que o Goberno galego "informe sobre esas operacións no marco da tutela financeira que lle atribúe das antigas caixas", xa que "todo o que se vai coñecendo das actuacións dos últimos anos é moi preocupante".

POSTURA PPdeG

Pola súa parte, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recordou que a CIG puxo esa documentación en mans da Xustiza, de modo que "probablemente" a Fiscalía "terá que informar sobre as cuestións que afectan ás responsabilidades xudiciais que, eventualmente, se poidan determinar desas operacións".

Dito isto, mostrouse "absolutamente tranquilo", toda vez que o poder xudicial "aplicará a lei" e esixirá as correspondentes responsabilidades "se existen indicios" para iso.

Máis alá do ámbito legal, preferiu "non prexulgar" se a comisión de investigación sobre as caixas de aforro debe agora tratar de forzar a comparecencia do exdirector xeral de Caixa Galicia José Luis Méndez.

"É verdade que podería reconsiderarse ampliar as comparecencias se aparece información relevante", esgrimiu Puy Fraga, quen depositou a decisión sobre a mesa da citada comisión.

Con todo, o que deixou claro é que o traballo da comisión "non pode depender da aparición constante dalgunhas cuestións", de modo que defendeu "ponderar" a "relevancia" desa información para o obxectivo da comisión.

Así, tras sinalar que o PP pactou co BNG "ter listas as conclusións" deste órgano parlamentario "antes de fin de ano", xulgou "evidente" que hai que ter "esa información en conta" pero analizando se "modifica o que xa coñece a comisión" e se "incide no relatorio e o seu traballo".