BNG avala "intensificar" lazos con Uruguai e está a "disposición" de alcanzar pactos ante a decisión sobre o tax lease

Carme Adán y Francisco Jorquera en rueda de prensa
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 3 junio 2013 15:33

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jun. (EUROPA PRESS) -

O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, mostrou o seu aval para que as relacións entre Galicia e Uruguai se "intensifiquen" e, en concreto sobre o convenio de colaboración entre o país sudamericano e a Comunidade galega, sinalou que "a ver en que se concreta". Ademais, mostrou a "disposición" dos nacionalistas para "evitar a desaparición" do sector naval ante a próxima resolución, por parte da Comisión Europea, sobre o 'tax lease'.

"Consideramos que é moi interesante para Galicia intensificar as relacións comerciais con Uruguai", sinalou, preguntado en rolda de prensa, polos contactos establecidos con este país e que este domingo se concretaron nun encontro entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o mandatario uruguaio, José Mujica, coa sinatura dese protocolo.

Jorquera sinalou que as formulacións do presidente do país do Cono Sur "son enormemente interesantes", e subliñou que para o BNG constitúe un "auténtico referente político". No caso das relacións con Galicia, considerou que se se fan na busca do "beneficio mudo", é interesante.

Sobre as declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na Cadena Ser, nas que avogaba por unha fronte común para evitar unha resolución negativa sobre as axudas concedidas ao naval baixo a fórmula do 'tax lease', Jorquera sinalou que o BNG "está sempre disposto a chegar a acordos para evitar a desaparición do naval", ao respecto do que criticou que "mentres que o naval está nunha situación límite", o Goberno de Feijóo "propón un modelo" baseado na minaría que, como definiu noutro momento, responde a un sistema "colonial".

Deste xeito, o deputado nacionalista incidiu na necesidade de tomar medidas "efectivas e urxentes", e de "evitar" que se obrigue ao sector ao pagamento da devolución das "presuntamente irregulares" axudas recibidas, co que o BNG, dixo, non está de acordo con que tivera ese carácter alegal. De ter que devolver esas contías, dixo, sería "a ruína do sector".

MEDIDAS PARA O NAVAL

Para o BNG, as solucións do naval pasan por converter o Igape nun "auténtico instituto de crédito" galego, de transformar Novagalicia Banco nun banco público galego e dun cambio no antigo Pymar, así como "levantar dunha vez por todas o veto" á construción naval civil nos estaleiros da Ría de Ferrol.

"Estas son as medidas necesarias", proclamou Jorquera, quen asegurou que se sobre estes eixes se articula un acordo entre as forzas políticas e sociais, o BNG "está disposto" a traballar". Neste punto, tamén censurou que, mentres, o presidente autonómico estea a "vender os contratos de Pemex", que están na "total e absoluta incerteza".