O BNG cre que o veto á AP-9 faise "coa complicidade" de Feijóo e urxe que se reúna a comisión bilateral

Contador
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa
EUROPA PRESS
Publicado 14/02/2018 13:15:34CET

   Pontón censura que haxa obras nunha vía inaugurada e vaian subirse as peaxes e considera que o presidente galego debería "plantarse en Madrid"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que o veto a debater no Congreso a transferencia da AP-9, que este mércores ratificou e defendeu o ministro de Fomento, faise "coa complicidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Así mesmo, e ante a subida das peaxes prevista mentres continúan as obras, a dirixente nacionalista esixiu que se reúna a comisión bilateral Goberno-Xunta.

   En rolda de prensa, Pontón censurou a "enésima tomadura de pelo aos galegos", en referencia a que siga habendo obras na ponte de Rande, cuxa ampliación foi inaugurada polo propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, no pasado Nadal. Así, denunciou que continúen os traballos, e ao tempo, váianse a ratificar as subidas das taxas dunha vía "requeteamortizada" pola que circulan uns 20.000 usuarios ao día.

   Desta maneira, preguntouse se Feijóo "ten pensado facer algo ou xustificar unha situación" que, ao seu xuízo, significa que os galegos "sigan pagando unha estafa xeneralizada".

   A dirixente nacionalista manifestou que se "ten que reunir con urxencia a comisión bilateral" na que están representados o Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas e débese explicar, engadiu, por que se inaugurou unha obra cando segue habendo traballos pendentes.

   "Constitúe un perigo para a propia circulación e para os traballadores", incidiu a portavoz nacional do Bloque, quen denunciou que o Goberno "recepcione obras que non están finalizadas". Parte da subida das peaxes estaba condicionada á entrega da obra antes de que finalizase 2017.

   "ATRACO Aos PETOS"

   Ademais, Ana Pontón denunciou que os galegos están a sufrir un "atraco aos petos, mentres Audasa (a concesionaria) segue facendo máis caixa". "Xa está ben deste escarnio", censurou a tamén portavoz parlamentaria do Bloque, quen insistiu na "complicidade de Feijóo e Rajoy" con este "abuso no noso país".

   Pontón incidiu en que "chegou o momento de pararlle os pés" á concesionaria e de que o Goberno "empece a defender os intereses" dos usuarios, máxime cando se van a rescatar as radiais madrileñas e en Galicia permanece o veto á transferencia da titularidade da vía, petición unánime do Parlamento de Galicia. "As peaxes son un auténtico escándalo", aseverou.

CONSTITUCIONAL

   Sobre o veto ao debate da transferencia, que o BNG recorreu ante o Tribunal Constitucional pero do que non obtivo resposta polo momento, a portavoz nacionalista insistiu en que está "convencida de que se fai (o veto) coa complicidade de Feijóo".

   De feito, lamentou que este mesmo mércores non se atope en Madrid "defendendo os intereses" dos galegos ante este debate. "Hoxe estaría plantado en Madrid pedindo a transferencia", xulgou, en referencia a se o presidente da Xunta estivese en desacordo co bloqueo ao debate da iniciativa.

   Preguntada pola falta de resposta do Constitucional, Pontón chanceou con que tería que producirse unha "declaración unilateral de independencia" da AP-9 para que o alto tribunal contestase con igual rapidez que no caso catalán á petición do BNG para que se debata a proposta emanada da Cámara galega e que o Goberno impediu que chegue a debaterse no Congreso.