SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Mar. (EUROPA PRESS) -
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou hoxe que a carta enviada polo secretario de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, ao Goberno galego revela a "prepotencia" coa que o Estado despacha o "simulacro de negociación" sobre a Lei de Caixas, ao tempo que lamentou a "falta de reacción" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa "insistencia en continuar por un camiño, o das conversas con Madrid, que non leva a ningunha parte".
O líder nacionalista resaltou que a carta asinada polo secretario de Estado de Cooperación Territorial "demostra que o BNG acertou no seu diagnóstico" cando afirmou que a vía de negociación "é unha vía morta" da que non cabe esperar "nada positivo" para Galicia.
"O Goberno non ten vontade real de negociar nada", aseverou, para recalcar que o Executivo que dirixe José Luis Rodríguez Zapatero "tomou unha decisión política --a de impedir a fusión galega e a de utilizar o recurso de inconstitucionalidade como instrumento para servir ese fin--".
"De aí non se vai mover por moito informe técnico ou redacción alternativa", concluíu o dirixente nacionalista, quen opinou que Madrid só modificará a súa posición se Galicia "exterioriza un rexeitamento masivo ao veto do Estado" contra a fusión galega".
Para Guillerme Vázquez, o Goberno autonómico "debe cambiar de táctica" e "reaccionar dunha vez". "Ten que dar por concluídas as negociacións, comparecer ante o Parlamento galego, presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB e demandar unha entrevista con Zapatero", relatou. Ao respecto dun eventual encontro co presidente estatal, o líder nacionalista avisou de que tería que ser "non para negociar, senón para esixir que saque a Lei de Caixas galega do Tribunal Constitucional".
En opinión do líder do Bloque, a "prepotencia" do Estado chega ao "límite" de indicarlle ao Executivo autonómico que o foro para defender a constitucionalidade da Lei de Caixas "non é a negociación, senón o Tribunal Constitucional". "Esta é unha proba evidente de que non se quere chegar a ningún acordo", observou.
A colación, preguntouse que, se a negociación non é a vía e a esa é o TC, "¿de que falan entón?" nas súas conversacións. "Está claro que estamos ante unha decisión política, a dun Goberno que utiliza todo tipo de enganos para que a lei se empantane e a fusión non sexa factible", analizou.
Fronte a iso, o BNG asegurou que seguirá impulsando a resposta "social" contra o recurso presentado polo Estado e a través do manifesto 'Galicia ten dereito'. "Esa é a vía que estamos a impulsar" en actos nas cidades do país", recordou e afirmou que chegará mesmo á "mobilización na rúa".
USO DO GALEGO
Por outro lado, destacou como único punto positivo da misiva enviada por Zarrías que estivese dirixida en lingua galega. "É o único positivo da carta", subliñou e sostivo que "a partir de agora, o Estado non ten ningunha escusa para non usar o galego na súa comunicación en Galicia".
Do mesmo modo, Guillerme Vázquez considerou que os cidadáns deben saber que "poden dirixirse con normalidade en galego ao Estado, porque non vai haber ningún problema de falta de comprensión lingüística".