A CORUÑA, 21 Ago. (EUROPA PRESS) -
O Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña denunciou o "aumento" da presión fiscal por habitante e nega que se producise unha conxelación de impostos durante o mandato do PP.
Nun comunicado, afirma que no primeiro ano de goberno o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, "impuxo por primeira vez a tarifa por casamento no Pazo de María Pita e o cobramento por primeira vez na axuda a domicilio".
Ademais, apostila que, no segundo ano de Goberno, "subiu exponencialmente o recibo de auga e o imposto de bens inmobles". Por outra banda, afirma que, no terceiro ano, "estableceu novas tarifas a pagar por servizos polos que antes non se pagaba ou se pagaba menos".
"Lonxe de conxelar os impostos municipais, o PP incrementou a presión fiscal nun 11,8%, encarecendo a vida dos cidadáns da Coruña", sentencian os nacionalistas que afirman que o pagamento de media de cada coruñés en impostos municipais foi de 622,76 euros, "65,64 euros máis que en 2012", afirma.