O BNG denuncia que a concelleira de Cultura da Coruña incorre nunha "incompatibilidade" no seu cargo

Actualizado: martes, 25 noviembre 2014 17:45

Aseguran que é conselleiro dunha empresa e que cobra dedicación exclusiva como edila

A CORUÑA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña denunciou que a concelleira de Cultura, Ana Fernández, "incorre nunha incompatibilidade" no seu cargo "ao ser conselleira da empresa Minicentrales Bouza Vella S.L. e cobrar a dedicación exclusiva como edila do Concello", sinala.

Nun comunicado, os nacionalistas piden "explicacións" ao alcalde da Coruña, o popular Carlos Negreira, xa que aseguran que, segundo a documentación á que tiveron acceso, a concelleira "figura como parte do consello de administración desta sociedade, da que posúe o 16,6% do capital", engaden.

Os nacionalistas indican tamén que "malia esta evidencia, a concelleira de Cultura segue sin indicar que é membro do órgano de administración desta empresa na declaración de bens e intereses da web municipal".

"O cargo municipal da concelleira de Cultura é claramente incompatible coa realización de actividades mercantís, sexan ou non remuneradas, tal e como sinala o artigo 75.1 da Lei 7/1985 das Bases de Réxime Local", engaden.

No seu comunicado, sosteñen tamén que, en setembro de 2012, xa advertiron "que a concelleira de Cultura participou, en calidade de socia e administradora, nunha xunta xeral de socios de Minicentrales Bouzas Vella".

Tamén engaden que a concelleira "nunca chegou a solicitar a compatibilidade como edila de Cultura con dedicación exclusiva co cargo de administradora de sociedades nin chegou a modificar a súa declaración de bens e intereses publicados na web municipal", apostilan no seu comunicado.