O BNG denuncia que Medio Rural ten "parados os convenios en prevención de incendios" cos concellos

Actualizado: sábado, 26 julio 2014 19:01

Defende que este labor é "imprescindible" para "previr" os lumes e para "evitar a súa propagación en caso de producirse"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jul. (EUROPA PRESS) -

O BNG denunciou este sábado que a Consellería de Medio Rural e do Mar ten "parados os convenios en prevención de incendios" cos concellos, malia estar, segundo subliñou o Bloque, en "tempo de máximo risco".

Así as cousas, o BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento galego para denunciar a "desidia" e a "irresponsabilidade política" que, na súa opinión, presenta o departamento dirixido por Rosa Quintana, segundo o propio Bloque indicou nun comunicado.

En concreto, o BNG sinalou que estes convenios "aínda non están operativos por estar pendentes da sinatura da Consellería de Medio Rural". "Que incorre nunha grave neglixencia", lamentou a voceiro parlamentaria de Agricultura do BNG, Tereixa Paz.

Estes convenios --que están recollidos no Plan de defensa de incendios forestais (Pladiga) 2014-- teñen como obxectivo "manter limpas as infraestruturas viarias e aquelas que sexan competencia municipal", segundo remarcou o Bloque.

LABOR "IMPRESCINDIBLE"

De feito, o BNG defendeu que este labor é "imprescindible", tanto para a "prevención de incendios" coma para "evitar a súa propagación en caso de producirse". "E para facer máis eficaz as medidas de extinción", subliñou Paz.

"Podemos atoparnos co esperpento de que esta demora faga imposible levar a cabo os traballos de prevención, ben porque expire o tempo establecido no propio convenio ou, aínda peor, porque xa se produciran incendios na superficie a tratar", sentenciou Paz.

Así as cousas, a parlamentaria do Bloque atribuíu a Medio Rural "mala fe nas relacións institucionais cos concellos", ademais de considerar que o "premeditado desmantelamento" das políticas de prevención na loita contra incendios "roza a temeridade".

"GRAVE RISCO"

"Hai que recordar que deixar de facer ese traballo de prevención supón un grave risco, non só para o patrimonio natural e forestal, senón tamén para os intereses económicos, e mesmo pon en perigo a seguridade das persoas que viven nas aldeas", advertiu a deputada.

Por todo iso, as iniciativas do BNG na Cámara galega --incluída unha proposición non de lei en Pleno-- reclaman á Xunta a "inmediata sinatura de todos os convenios" cos concellos, "depurar responsabilidades" e "evitar que esta situación volva repetirse".