O BNG insta a UE a cambiar as súas "políticas de blindaxe"

Actualizado: viernes, 4 septiembre 2015 16:01

Anima ao conxunto de forzas políticas e sociais a mobilizarse o próximo luns para esixir solucións a este "drama humanitario"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O BNG instou á Unión Europea (UE) a cambiar "de forma radical e urxente" as súas "políticas de blindaxe" por outras de "axuda e acollida digna ás persoas refuxiadas" ante o que considera unha "crise humanitaria sen precedentes dende a II Guerra Mundial", consecuencia das medidas "intervencionistas e de espolio auspiciadas por EE.UU. e a propia UE".

   "É o mínimo tras provocar este desastre", destacou o secretario de Iniciativas Políticas, Néstor Rego, tras criticar a "cínica resposta dunha UE que, máis alá dos lamentos de rigor, levanta muros", como "acaba de facer Hungría ao pechar con rolos de arame 175 quilómetros da súa fronteira con Serbia.

   Ao respecto, o Bloque presentou unha serie de iniciativas parlamentarias na Cámara galega, no Congreso e no Parlamento Europeo nas que insta ás autoridades comunitarias a elaborar un "programa de rescate de vidas" -similar ao que foi a operación 'Mare Nostrum'-, a "articular corredores humanitarios para refuxiados", a "aplicar o estatuto de refuxiado europeo", e á aceptación por parte dos Estados membros de cotas de acollida de refuxiados "equilibradas e equitativas", que "eviten a guerra de cifras".

   Medidas que, segundo considerou a voceiro en Bruxelas e secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, "contrastan" coa política de "vergoña" da UE. "Ante o drama dos refuxiados vemos unha Europa insolidaria, cínica, inhumana, que dá vergoña", denunciou, tras recordar a cifra de persoas refuxiadas incrementouse nun "1.500%.

COMPARECENCIAS DE MINISTROS

   Ademais, a formación nacionalista pediu tamén a comparecencia urxente dos ministros de Interior e Exteriores, Jorge Fernández Díaz e José Manuel García-Margallo, respectivamente, para que expliquen a posición do Goberno español nesta crise, "máis preocupado pola repartición de cotas que por dar solucións a un drama humanitario".

   Así mesmo, o BNG propuxo, en réxime de autoconvocatoria, a realización dunha concentración o próximo luns, día 7 de setembro, ás 20,00 horas na Praza do Toural de Santiago para esixir solucións ante este "drama humanitario".

   "En Galicia non queremos quedar indiferentes ante este drama e invitamos ao conxunto das forzas políticas e sociais a que se unan a esta mobilización para expresar a nosa solidariedade coas vítimas e a esixencia de cambio das políticas", apuntou Néstor Rego.