O BNG de Ourense pide ao PP que "recapacite" nos seus ataques ao edil de Infraestruturas polos paneis informativos

Considera "incrible" a actitude de Enrique Nóvoa, que cualificou de "mesquiña, sucia e perversa"

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 noviembre 2008 21:50

OURENSE, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

O tenente de alcalde do Concello de Ourense, o nacionalista Alexandre Sánchez Vidal, pediu hoxe ao PP que "recapacite" nos seus ataques ao edil de Infraestruturas, Andrés García Mata, pola suposta adxudicación dos paneis informativos de forma "irregular", así como as obras de Paz Nóvoa e Bedoya.

Despois de que o grupo municipal 'popular' solicitou un pleno extraordinario ao alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, tras dar 'plantón' ao bipartito ourensano na última sesión plenaria --que quedou fixado para o próximo venres-- ; Sánchez Vidal recordou á oposición que convocar un pleno extraordinario "con prontitude" é un "exercicio de democracia" que "non aconteceu durante os últimos 12 anos".

Neste sentido, referiuse a unha ocasión na que o actual voceiro popular, Enrique Nóvoa, ocupaba a alcaldía da cidade e a oposición solicitou un pleno extraordinario, pero denegouno por unha "decisión arbitraria". Ademais, asegurou que a convocatoria do venres pon "punto e final" ao feito de que as sesións extraordinarias fosen convocadas polo PP "ao día seguinte e ás oito da mañá sen respectar os procedementos legais".

Fronte ás dúbidas iniciais do tenente de alcalde, que se preguntou "que achegará" o venres a oposición municipal sobre unha adxudicación "que non chegou a consumarse", asegurou que leu o contido da resolución que se quixo "aprobar" no seu momento e que "falaba dunha pretendida adxudicación", polo que "clarifica totalmente a cuestión que o PP quere levar a pleno".

Ao respecto, Sánchez Vidal afirmou que na actualidade existe unha "retroacción do expediente" polo que, garantiu, "nada do que di o PP é certo. Do mesmo xeito, lamentou que o concelleiro de Infraestruturas estea a "ser vítima de ataques persoais" por parte do PP, a pesar de que "está a percibir pola súa función pública 8.000 euros menos que o seu salario no seu traballo ordinario".

En calquera caso, o tenente de alcalde manifestou que lle parece "incrible" que o voceiro do PP pida a "dimisión" do edil, porque, segundo recordou, "sempre dixo que non entraría en ataques persoais e que non utilizaría a política nesta clave". Ao seu xuízo, esta forma de facer política é "mesquiña, sucia e perversa", polo que o instou a "recapacitar", porque "o problema do PP" é que "o nivel de xestión" do concelleiro "é moi superior ao que fixo o PP en 12 anos".

Contenido patrocinado