O BNG pide a Juan de la Fuente que "dimita" e o PSOE reclama a Ángel Currás que o "suspenda das súas funcións"

Consideran que a súa imputación demostra que a comisión de investigación "fixo o correcto"

Rubén Cela habla de Juan de la Fuente
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 23 mayo 2013 17:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -

O voceiro do BNG en Santiago, Rubén Cela, reclamou este xoves ao concelleiro Juan de la Fuente, imputado por falsidade documental en relación co caso das supostas facturas falsas, que "dimita" do seu cargo, mentres que o voceiro do PSOE local, Francisco Reyes, pediu ao rexedor, Ángel Currás, que o "suspenda das súas funcións".

En rolda de prensa, Rubén Cela recoñeceu que a imputación de De la Fuente non o "colleu por sorpresa" e que constitúe "unha gota máis nun vaso que leva moito tempo desbordado". Neste sentido, recordou ao goberno local que "a paciencia dos veciños ten un límite" e considerou "un absoluto escándalo" o número de imputacións que pesan sobre varios membros do goberno local.

Aínda que "imputado non é igual a culpable", explicou Cela, a "alarma social" creada por este caso impón, na súa opinión, a necesidade de tomar medidas no "plano político". Por iso, instou a Juan de la Fuente a que "dimita de forma inmediata" ou, pola contra, que sexa destituído polo alcalde compostelano, Ángel Currás. "A decisión debería partir de Juan de la Fuente", sinalou.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

Para Rubén Cela, a imputación de De la Fuente evidencia que a comisión de investigación aberta no concello polo caso das supostas facturas falsas "fixo o correcto" remitindo a documentación á Fiscalía. "Fíxose o que se facía que facía", garantiu o voceiro nacionalista, que pediu á xustiza que actúe "coa máxima celeridade e claridade posible".

Ao mesmo tempo, Cela recordou que, de todas as causas abertas contra membros do grupo de goberno local, "ningunha é a instancia dunha denuncia dos grupos da oposición".

Pola súa parte, o voceiro do PSOE local, Francisco Reyes, tamén considerou que a apertura deste proceso de instrución determina que o traballo da comisión de investigación "foi un traballo serio e que non buscaba ningunha persecución política".

SUSPENSIÓN DE FUNCIÓNS

Francisco Reyes, que tamén fixo referencia á "presunción de inocencia", rexeitou pedir a dimisión de Juan de la Fuente, aínda que considerou que, "polo ben deste concello, o alcalde debería "suspender das súas funcións" o edil mentres dure a investigación.

Isto permitiríalle continuar asistindo aos plenos, tomar a palabra nestes e votar, aínda que non encargarse de asuntos da súa área en cuestións de xestión.

Para Francisco Reyes, a situación de Juan de la Fuente é "competencia do alcalde", que debe "tomar medidas" dada a "sensible situación" na que se atopa a xestión de concelleiro. "A situación no concello non é a máis axeitada, non pode estar a sospeita enriba de todos os procesos", recordou.

Contenido patrocinado