O BNG pide parar o "desfalco ás arcas públicas" coa autovía de Costa da Morte, pero o PP oponse

Actualizado: miércoles, 26 noviembre 2014 14:40

A oposición ve na modificación do contrato unha vía para favorecer a copasa, pero o PP recorda que o bipartito lle adxudicou 453 millóns

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

A deputada do BNG Ana Pontón volveu pedir este mércores na Cámara que se "paralice" o "auténtico desfalco ás arcas públicas" que supón a modificación do contrato de adxudicación da autovía de Costa da Morte, ao que o PP se opuxo.

Ante o pleno, a nacionalista apelou á necesidade de dar aos veciños da bisbarra coruñesa a autovía e tamén á importancia de "evitar un desgusto" aos populares se deciden seguir adiante con ese cambio contractual. "Poderiamos vernos no caso de que todo o Grupo Parlamentario Popular resultase imputado", advertiu.

Ao respecto, o voceiro do PP na materia, Alejandro Gómez Alonso, sostivo que "non hai nada" que poida ocasionar problemas, pois a modificación se fai baseándose na "lei vixente". E, en canto aos veciños, prometeu unha vez máis que o primeiro tramo da autovía entrará en funcionamento antes de que conclúa esta lexislatura.

Non obstante, Pontón mantívose en que a modificación do contrato se fai co único obxectivo de "favorecer" a copasa e deu por feito que os termos exactos desa relación se verán máis adiante "nun sumario". Dito isto, censurou a "política fraudulenta de seguir engordando as construtoras a custa do erario público".

"AS EMPRESAS NUNCA PERDEN"

O que está claro, en palabras de Raúl Fernández (PSOE), é que "as grandes empresas nunca perden", pois chegan a ser mesmo "rescatadas con diñeiro de todos" que non se utiliza para "rescatar persoas ou familias". "É inaceptable que aforren nos débiles para darllo aos poderosos", censurou.

Igualmente, Juan Fajardo, de AGE, criticou a "neolengua" do PP, pola que "regalar millóns á construtoras chámase blindar a construción" da autovía de Costa da Morte. "Pero se fai só unha parte e salgue máis cara", evidenciou.

E, en canto a copasa, tras recordar que figura na "trama Gürtel", cargou contra o PP por actuar como "voitres do público que espolian os recursos de todos para que as empresas fagan o seu magosto".

Finalmente, dende o grupo mixto, Chelo Martínez resaltou que son máis de 500 millóns de euros os que se dan "de regalo" á mencionada empresa. "A Xunta obríganos a que, cos nosos poucos recursos, paguemos ás concesionarias para que sigan tendo beneficios e non perdan un duro".

O BIPARTITO FIXO "O PRIMO"

Para defenderse destas acusacións, Gómez Alonso negou "conivencia" do PP con copasa esgrimindo que o bipartito lle adxudicou 35 contratos a esta compañía por valor de 453 millóns de euros.

Na mesma liña, apuntou que o actual Goberno galego lle encargou 372 millóns de euros para distintas obras. "Pero os seus non son sospeitosos e os nosos si", cuestionou.

E, proseguindo co argumento da oposición, preguntouse que facía a coalición de socialistas e nacionalistas outorgando fondos a unha empresa próxima ao PP. "¿Que fixeron? ¿O primo?", incidiu.

Na súa quenda de peche do debate, Ana Pontón recordoulle que non foi o BNG o que "inventou a trama Gürtel" nin o que escribiu "os papeis". "Foi un señor moi importante do PP", aludiu así ao extesoureiro Luis Bárcenas.

OUTRAS AUTOVÍAS

Finalmente, no que atinxe á petición do Bloque de que se paralice tamén o proceso de negociación coas concesionarias das autovías de O Salnés e O Barbanza e de que non se acepte ningunha suba do canon, Gómez Alonso tamén a rexeitou.

"Queren que nos saltemos a legalidade e non revisemos os canons establecidos para o reequilibrio da concesión", reprochou á oposición, crítico con que "prefira" que se pague ás empresas o lucro cesante.