O BNG presenta unha querela contra a Xunta polo "estrago de recursos" na autovía de A Costa da Morte

BNG PRESENTA QUERELA CONTRA XUNTA ANTE FISCALIA XERAL COPASA
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: jueves, 20 noviembre 2014 17:51

Os nacionalistas ven indicios de prevaricación e "malversación de fondos públicos en beneficio dunha empresa privada"

A CORUÑA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, presentou este xoves unha querela contra a Xunta ante a Fiscalía de Galicia por un presunto delito de prevaricación nos cambios do contrato asinado coa empresa copasa para a construción da autovía da Costa da Morte.

En declaracións aos medios ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Vence pediu á Fiscalía que investigue este asunto que, para o BNG, é un "estrago de recursos" e unha "entrega de recursos a padas". Cualifica a decisión, ademais, de "atropelo" e unha "malversación de fondos públicos" en beneficio dunha empresa privada".

"Vaise construír finalmente só a metade da autovía programada e, en cambio, os custos por quilómetro multiplícanse case por tres", sinalou o líder nacionalista que di que, desta forma, dos nove millóns iniciais por quilómetro se pasou a 22,8 para un total de 27 quilómetros.

"SOBRECOSTE"

Así, os nacionalistas cifran que, para estes 27 quilómetros que finalmente se van construír, "hai un sobrecoste de aproximadamente 372 millóns de euros", detallou Vence.

Para Vence, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "pretende entregar como regalo" a esta empresa "amiga do PP" o "diñeiro de todos os galegos". E todo iso, "deixando sen realizar a obra comprometida e sen render contas", manifestou o nacionalista.

Por iso, o BNG considera que hai "materia sobrada" para que haxa unha investigación por parte da Fiscalía e pide que se "tomen cartas no asunto".

MULTAS

Nun acto anterior en Cambre, o voceiro nacional do BNG mostrou o "total apoio" da formación ao concelleiro Daniel Carballada e ao militante de Galiza Nova David Neira, denunciados pola Delegación do Goberno por realizar unha pintada na estrada N-VIN en defensa das mulleres ao aborto libre e gratuíto.

"Estamos moi orgullosos de Daniel e David pola súa participación activa na defensa dos dereitos das mulleres", subliñou Xavier Vence, quen atribuíu a denuncia a "unha estratexia de represión do PP e da Delegación do Goberno contra todo o que se move para contestar a súa política antisocial e de recortes de servizos, dereitos e liberdades".

Neste sentido, explicou que Carballada e Neira se suman aos "centos de militantes nacionalistas acusados con multas e denuncias por parte da Delegación do Goberno e das forzas de seguridade por facer campañas activas en contra das políticas agresivas do PP".

Con todo, advertiu de que o BNG "ten claro que vai seguir dando a cara, tamén na rúa, en defensa do que considera xusto e, para evitar que o PP leve a cabo de forma impune agresións e retrocesos como a que representaba a contrarreforma do aborto de Gallardón", malia a "represión".