O BNG propón no Congreso asegurar o diñeiro dos cidadáns que compren casas novas se non se chegan a entregar

Viviendas En Alquiler
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 27 mayo 2012 12:51

SANTIAGO/MADRID 27 May. (EUROPA PRESS) -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que insta ao Goberno a adoptar as medidas legais pertinentes para asegurar o diñeiro dos cidadáns que compren vivenda nova se a promotora ou a construtora non a chega a entregar, así como para esixir a este tipo de compañías probas de "solvencia económica" antes de visar os seus proxectos.

O BNG recorda na súa iniciativa, que recolle Europa Press, que moitos cidadáns que inverteron os seus aforros nunha vivenda nova en construción sufriron os prexuízos da crise do sector inmobiliario, que provocou que grande parte destas promocións non se finalizasen ou, mesmo, nin sequera comezasen a ser construídas.

"Estes cidadáns atopan nunha situación de total indefensión, desamparados e, en moitos casos, nin sequera puideron recuperar o diñeiro invertido nun proxecto de vivenda que nunca callou", recorda o grupo parlamentario, que critica a "deficiente" lexislación sobre este asunto.

Por iso, pide ao Goberno que aprobe "medidas lexislativas que ofrezan a suficiente garantía aos cidadáns que inverten os seus aforros na adquisición dunha vivenda de nova construción que, por erros na xestión das empresas construtoras ou promotoras, nunca chegan a executarse".

RECUPERAR O invertido

En concreto, o BNG propón deseñar normas para que os cidadáns poidan recuperar a totalidade do diñeiro investido nos casos en que non cheguen a recibir as chaves da súa vivenda, así como "endurecer o réxime administrativo sancionador e o Código Penal nos casos en que se incumpra por parte de promotores ou construtores a obriga de entregar vivendas que se correspondan con promocións en construción".

Na mesma liña, suxire tamén que se esixan a construtoras, promotoras ou entidades bancarias acreditar unha solvencia económica suficiente para cubrir os compromisos económicos contraídos cos compradores "antes da concesión da licenza urbanística" e "ampliar a responsabilidade patrimonial persoal dos administradores" deste tipo de compañías para que "respondan co seu patrimonio polas débedas contraídas polas empresas en caso de non cumprir cos seus compromisos".

Finalmente, esixe a creación dun fondo destinado a indemnizar persoas afectadas polo incumprimento da entrega de vivendas en construción ou, no seu caso, a "financiar a completa execución destas". Este fondo debería nutrirse con recursos e avais depositados polos operadores no sector inmobiliario. O BNG aproveita tamén a súa iniciativa para recordar ao Goberno que é "necesario" abordar unha verdadeira normativa de dación en pagamento.

Contenido patrocinado