O BNG rexistra alegacións para que se retire o plan de actividades extractivas e crear o Consello da Minaría

Asegura que o plan actual non responde aos principios orientadores da lei e reclaman prohibir o cianuro e limitar a minaría a ceo aberto

Came Adán y Manuel Soto, en rueda de prensa del BNG
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 junio 2013 20:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou alegacións ante a Consellería de Medio Ambiente polas que solicita que se retire o plan sectorial de actividades extractivas de Galicia e que se elabore un novo, así como que se cre de forma urxente o Consello da Minaría de Galicia, como establece a normativa vixente.

No documento, presentado en rolda de prensa este mércores pola deputada Carme Adán e o responsable de Medio Ambiente, Manuel Soto, os nacionalistas argumentan a necesidade de "reverter o modelo de explotación mineira especulativa e neocolonial", para conseguir unha minaría "sostible e compatible coa preservación da calidade natural, dos recursos naturais e produtivos e do medio de vida das poboacións afectadas".

Recordan que a explotación de recursos mineiros está "controlada por grandes empresas transacionais que operan baixo criterios especulativos e aplicando prácticas neocoloniais"; e sinalan que "estamos ante unha minaría a ceo aberto, salvaxe, fortemente destrutiva do solo natural e produtivo, do patrimonio histórico-cultural, vexetación, fauna e mesmo aldeas, se fose preciso para os intereses" das explotacións.

Ademais, o BNG considera "inadmisible" a pretensión "de regularizar unilateralmente pola Xunta as actividades mineiras", prescindindo das licenzas municipais. Por iso considera "imprescindible a participación pública na definición da política mineira e o papel do Consello da Minaría de Galicia".

NON RESPONDE A PRINCIPIOS ORIENTADORES

Para esta formación, o plan "non responde aos principios orientadores" da lei. Concretamente, asegura que non se cumpren os criterios de harmonización da actividade extractiva co resto dos usos do solo dentro do marco de ordenación territorial, do aproveitamento ordenado e sostible dos recursos mineiros; e da racionalización do emprego de recursos naturais e residuos a través da implantación das mellores técnicas dispoñibles e a valorización.

Non obstante, constata que sí se cumpren os criterios da "máxima simplificación administrativa na tramitación" e o "carácter temporal da explotación mineira respecto da ordenación do territorio e dos usos do solo". Neste sentido, o BNG advirte de que o cumprimento destes aspectos debe facer na "contextualización" do resto de criterios orientadores.

Contenido patrocinado