O BNG solicita a comparecencia da ministra de Fomento para tratar "o caos" da AP-9 e "os abusos" de Audasa

Rosana Pérez Fernández
BNG
Actualizado: martes, 29 julio 2014 19:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jul. (EUROPA PRESS) -

O BNG solicitou a comparecencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, no Congreso para informar sobre "o caos imperante" na AP-9 e para abordar "os intolerables abusos da concesionaria Audasa que permite que miles de usuarios queden atrapados en enormes atoamentos cada fin de semana do verán".

Neste sentido, a deputada do Bloque no Congreso Rosana Pérez presentou iniciativas parlamentarias como proposicións non de lei para que Ana Pastor trate esta cuestión ante "a persistente e reiterada situación de atoamentos en varios puntos das cabinas de cobramento de peaxe da AP-9", posto que o BNG considera que "xa é hora de abordar este tema con profundidade".

Así, denuncia que "non é admisible" que miles de galegos queden atrapados cada fin de semana na peaxe "só porque unha concesionaria avariciosa quere facer o agosto a conta da xente".

"Non hai xustificación na actitude da empresa que, non só non mantén o persoal mínimo nas cabinas de cobramento, senón que por enriba se nega a levantar as barreiras en momentos de atoamento", reprocha.

Por iso, o Bloque reclama que Pastor dea explicacións para saber se "máis alá de incoar expedientes informativos á concesionaria, ten pensado obrigala a levantar as barreiras en momentos como os do pasado sábado na saída da AP-9 cara a O Salnés". Ademais, o BNG recorda que en 2012 Fomento abriu expediente informativo a Audasa e a día de hoxe "descoñécense as conclusións e se deu lugar a accións por parte do Ministerio".