O BNG traslada a súa "solidariedade" cos afectados polo accidente e reclama "que se saiba a verdade"

Accidente de tren Alvia en Angrois (Santiago de Compostela)
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 24 julio 2014 15:18

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jul. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, traslada a "solidariedade" desta formación aos familiares das 79 vítimas do accidente de tren acontecido en Angrois o ano pasado e considerou que "a mellor homenaxe" á súa memoria é que se saiba a verdade" e se tomen as medidas para "resolver os problemas estruturais e técnicos" nese tramo da vía.

"Con eles están os nosos sentimentos", sinalou Vence, en rolda de prensa celebrada este xoves na sede do BNG, na que quixo trasladar o seu apoio tanto a familiares, voluntarios como aqueles "que están aínda a sufrir as consecuencias" da traxedia.

Vence recordou que o BNG reclamou "ao longo de todo este ano" unha comisión de investigación no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados para indagar nas causas do sinistro. Por iso, reclamou "saber exactamente que pasou", coñecer as "responsabilidades políticas" do sinistro e tomar "as medidas para resolver as causas que están detrás do accidente".

"Por desgracia, as autoridades oficiais deste país tratan de tapar as responsabilidades políticas concedendo medallas", criticou, para reiterar que "a mellor resposta" ás vítimas e os seus familiares é que se saiba a verdade" e tomen as medidas" para "resolver dunha vez as deficiencias de trazado e de seguridade".