O BNG ve os presupostos "ficticios e mal orientados" e augura que deixarán Galicia tras 2015 "en peor situación"

Vence
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 13:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, xulgou este luns que os presupostos que este luns chegaron á Cámara son "ficticios" e están "mal orientados", ao tempo que augurou que deixarán Galicia tras 2015 "en peor situación".

Preguntado ao respecto en rolda de prensa, o xefe de filas do Bloque xustificou estes comentarios en que o cadro macroeconómico das contas da Xunta para o ano próximo "non é realista coas perspectivas actuais" de conxelación da economía.

Ademais, criticou que están "pensadas en clave electoral", coas dúas citas coas urnas pensadas para o ano próximo --comicios municipais e xerais--.

Neste sentido, xulgou que os presupostos galegos están "moi orientados" a atender "o gasto con máis visibilidade" nas campañas, como as infraestruturas, pero non o gasto que necesita o país para dinamizar a economía e xerar emprego".

Así, criticou que continúen "as políticas de desmantelamento" dos servizos públicos básicos, que tamén "son fundamentais para o futuro". Por todo, o líder nacionalista considerou que estas contas son "desaconsellables" para Galicia.