Bruxelas ratifica o fin do veto á construción naval civil en Navantia

astilleros Navantia
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 15:14

Almunia confírmao nunha resposta a Lidia Senra (AGE), que insta a Xunta, Goberno e SEPI a "buscar xa carga de traballo" para o estaleiro

FERROL, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Comisión Europea ratificou que o 1 de xaneiro de 2015 finaliza o veto á construción naval civil en Navantia, nunha resposta do comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, á europarlamentaria de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Lidia Senra.

A resposta a AGE constata que o 1 de xaneiro do ano próximo expiran os compromisos de España entre os que se atopa a "limitación das vendas civís de Navantia ata un máximo do 20 por cento das vendas totais como media móbil de tres anos, durante un período de 10 anos, rexistrada na decisión correspondente da Comisión sobre o seguimento dos asuntos relativos a Izar, predecesor de Navantia".

Como consecuencia diso, engade que o estaleiro público e o país xa "non estarán obrigados por estes compromisos" que propuxo España "no contexto do procedemento naquel momento". "Por conseguinte, xa non se aplicará a limitación relativa á construción naval civil", engade a resposta parlamentaria.

Nun comunicado, AGE sinalou que esta resposta é "clarísima", polo que advertiu de que "xa non hai ningunha escusa", antes de instar á Xunta, ao Goberno central e á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) a "asumir as súas responsabilidades" e "buscar dende xa" carga de traballo para o estaleiro de Ferrolterra.

"O momento é o propicio, posto que o mercado mundial da construción naval está en alza e en Galicia necesitamos urxentemente de postos de traballo", remarcou.

RECUPERACIÓN DE FERROLTERRA

AGE incidiu en que a recuperación da bisbarra de Ferrolterra "depende da carga de traballo" para Navantia e subliñou que, se esta se concreta, Galicia "volvería recuperar un dos seus sectores industriais estratéxicos".

"Hai moito en xogo", manifestou, antes de mostrar o seu desexo de que agora as administracións galega, estatal e a SEPI estean "á altura das circunstancias e poñan os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital".