A cabana de raza rubia galega aumentou un 17% en Galicia o último ano, ata superar os 51.130 exemplares

Lugo é a provincia española que ten o maior número de cabezas, co 75% do total

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 7 febrero 2010 13:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -

A cabana de raza rubia galega aumentou en Galicia un 17 por cento no último ano, pasando de 43.453 cabezas en 2008 a 51.138 a finais do exercicio 2009.

Así o sinalou hoxe a organización do I Salón Monográfico de Gandaría e Agricultura, GandAgro 2010, que se celebrará do 4 ao 6 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

Segundo indicou a organización do evento, se se teñen en conta as outras cinco comunidades nas que se crían exemplares, o crecemento total da raza chega a un 17,9 por cento, aumentando de 43.721 a 51.545 animais.

O número de explotacións destes bovinos autóctonos en Galicia tamén creceu, un 0,8 por cento, pasando de 2.727 a 2.749. No ámbito nacional este crecemento mantense practicamente igual, xa que fóra de Galicia só se abriu unha granxa máis, pasando de 17 a 18.

Das 13 provincias españolas nas que existen explotacións desta raza, as de fóra de Galicia --nove de cinco comunidades: Ávila, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Madrid, Teruel, Logroño e Toledo-- só representan o un por cento do total de animais e granxas. Nelas o crecemento porcentual foi destacado, cun 51,8 por cento máis de cabezas, aínda que en valores absolutos soamente supuxo 139 reses máis, pasando de 268 a 407 animais.

LUGO Á CABEZA

En canto ás provincias galegas, repártense o 99 por cento de reses e explotacións restantes. Lugo é a que conta cun maior número de exemplares, tanto de cabezas, o 75 por cento do nacional, coma de explotacións, cun 70 por cento do conxunto.

Ségueo Ourense, cun 12 por cento de animais e un 15 por cento de granxas. A Coruña é a terceira, cun 8 por cento de cabezas e un 9 por cento de explotacións, mentres que Pontevedra rexistra un 4 por cento e un 5 por cento, respectivamente.

O salón monográfico GandAgro, o único do noroeste peninsular dedicado exclusivamente á gandaría e á agricultura, acollerá na súa xornada inaugural unha presentación morfolóxica de 20 vacas, 20 novillas e 2 touros da raza loura galega, a cal estará organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Loura Galega (Acruga).

Contenido patrocinado