Cadena defende que as instrucións duren "o mínimo tempo imprescindible"

 Miguel Ángel Cadenas
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 30 septiembre 2014 17:53
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

O presidente do TSXG reivindica a "claridade normativa" e a "calidade" nos xuíces como piares para o bo funcionamento da xustiza

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, declarouse "absoluta e radicalmente contrario" ao concepto de "xuíz estrela", ao tempo que sinalou que as instrucións deben durar "o mínimo tempo imprescindible" pero sen obviar en ningún caso a realización de probas necesarias para a investigación.

   Cadenas acudiu este martes á Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde participou nunha xornada sobre 'A Xustiza que vén' e analizou diversas cuestións relativas á situación actual da xustiza, así como á reforma da lei orgánica do Poder Xudicial.

   No seu relatorio na EGAP, o presidente do TSXG situou como condicións imprescindibles para que a administración xudicial funcione que haxa "claridade normativa" e tamén "calidade" nos xuíces e maxistrados encargados adoptar as decisións, toda vez que constitúen "o eixe" do sistema.

   Neste sentido, destacou que resultan claves a súa "aptitude e formación", xunto coa súa "actitude e talante", para engadir que "un imperativo categórico" á hora de exercer a súa función é o "frontal rexeitamento a calquera instrumentalización".

   Neste punto, cargou contra a figura do "xuíz estrela", un concepto que "non significa nada nin pertence" á carreira xudicial e que, ao seu xuízo, sería "triste" que se consolidase como "modelo". De feito, advertiu de que pode chegar a caer "na caricaturización" do papel do xuíz.

   Posteriormente, preguntado polos xornalistas acerca de se coa súa referencia a "xuíz estrela" se refería algún maxistrado en concreto, como o instrutor do caso Asunta, José Antonio Vázquez Taín, Cadeas negouno. "En absoluto, estaba a falar en xeral e sobre modelos negativos para a xustiza", reflexionou.

   Igualmente, clarificou que para el un "xuíz estrela" é o que cae na "instrumentalización torticera" da súa propia función. "Unha instrumentalización interesada, coa que se fai dano á cousa pública, á administración da xustiza, ás institucións", aseverou, para insistir en que "non se refería a ninguén en absoluto".

INSTRUCIÓN XUDICIAL

   Sobre a duración das instrucións --a relevancia da cal para garantir o dereito á tutela efectiva destacou no seu relatorio-- e se o caso Asunta sería un exemplo a seguir, a diferencia da Operación Pokémon, o presidente do TSXG replicou que "a natureza e complexidade dun asunto non ten nada que ver coa doutro".

   "O ideal sería que unha instrución durase o mínimo tempo imprescindible e na primeira das causas eu creo que durou o tempo correcto e oportuno", reflexionou, para matizar que, en calquera caso, "un delito e outro non teñen nada que ver, nin as liñas da investigación".

   Neste sentido, sinalou que non se pode renunciar a determinadas probas ou pericias que pode requirir, por exemplo, unha investigación contable ou doutro tipo. E é que, ao seu xuízo, sería "unha irresponsabilidade" por parte do xuíz "sortear unha investigación" por non acudir a medios que "ao mellor a atrasan, pero son precisos".

   "A duración da instrución depende da complexidade e natureza do caso",  aseverou Cadenas, quen recoñeceu que se a nova lei fixa unha limitación de tempo terá "as súas consecuencias" e os instrutores deberán "someterse a ela".