O fiscal superor formula que a prevaricación se condene con "pena de prisión"

El fiscal superior de Galicia, Carlos Varela
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 27 noviembre 2014 19:44

Avoga por "vencer o desfase" entre unha criminalidade económica "rápida e mutante" e un sistema penal "lento, formalista e burocrático"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, formulou este xoves a posibilidade de que os delitos de prevaricación sexan castigados con "pena de prisión" e non só con inhabilitacións, tal e como acontece ata agora.

   "É unha reflexión que deixo sobre a mesa", engadiu, ao ser preguntado polos xornalistas sobre se cabería endurecer as penas por delitos de corrupción antes de pronunciar unha conferencia en torno a este asunto.

   Ao respecto, opinou que "é probable" que haxa que axustar as penas" dalgúns delitos e centrouse na prevaricación para cuestionarse se "é suficiente" a condena prevista actualmente ou se "sería necesario impoñer unha pena de prisión".

   Con todo, Carlos Varela avogou por poñer en marcha medidas de "prevención", dende o seu convencemento de que son "tan importantes" para combater os comportamentos corruptos como "as medidas represivas".

PLANS DE PREVENCIÓN

   Ao fío diso, mostrouse partidario de plans de prevención dos riscos de xestión que se poden producir nas distintas administracións públicas, así como de crear unha entidade independente que poida controlar o seu funcionamento.

   Segundo o seu criterio, esa entidade tería "un papel fundamental", pois non só podería facer "suxestións" senón que tamén podería alertar de comportamentos de risco para así proceder á súa "neutralización".

   E, o papel de "axencia especializada no combate da corrupción", indicou na súa conferencia, podería asumilo en Galicia el Consello de Contas, que considerou "bo coñecedor do mapa de riscos" da comunidade.

COMBATE DA CORRUPCIÓN

   Para o fiscal, o combate da corrupción política debe ser "unha combinación de medidas" tanto preventivas como represivas, unidas a unha mellora do sistema xudicial para actuar contra a "criminalidade complexa".

   Neste sentido, sinalou que "a criminalidade económica é rápida, informal, creativa e mutante" fronte a un sistema penal que "é lento, formalista e burocrático". "Hai un desfase que é necesario vencer, so pena de impunidade total", advertiu.

   Dito isto, afondou en que se debe "implantar un novo modelo de investigación penal" con métodos de traballo "multidisciplinares, rápidos e antiburocráticos" para unha investigación "limitada no tempo". "A garantía xudicial non pode transformarse nun obstáculo para a recollida de probas en tempo útil", defendeu.

   O obxectivo, como explicou aos xornalistas o fiscal superior de Galicia, é que "non haxa tanta distancia" entre o momento en que se produce o feito e o momento en que pode ser levado a xuízo".

   Tamén neste sentido reivindicou a importancia das medidas de prevención, que permitirían detectar eses comportamentos "no momento máis próximo a cando acontecen e non tres, catro ou cinco anos despois".

PREVENCIÓN E EDUCACIÓN

   A liña seguida, quen exerce como fiscal superior de Galicia dende o ano 2004 lamentou que "a prevención e a educación" como eixes da loita contra a corrupción son "pouco menos que inexistentes".

   "O delito de corrupción depende de estruturas de oportunidade, de recursos, de bens transaccionais; pero tamén de custos legais e morais, isto é, da capacidade do sistema xudicial para reprimir este tipo de ocorrencias e das predisposicions éticas dos individuos para violar a lei ou para actuar contrariamente ao interese público", debuxou.

   Deste modo, abundou en que "sen unha conciencia colectiva eticamente comprometida, sen vontade política e sen un sistema xudicial capaz e resolto, non pode haber un combate eficaz da corrupción".

PROBLEMAS EN ESPAÑA

   Finalmente, resumiu os "problemas de fondo" de España en materia de combate da corrupción política na "mala calidade" do proceso lexislativo, a "insuficiencia de resultados" no ámbito da represión e o "déficit" de especialización.

   Xunto con iso, Carlos Varela falou da "ineficacia" dos mecanismos de supervisión e control e a "mala definición e protección" do interese público nos investimentos da administración.

   No que atinxe á normativa, detallou que existen "alertas" sobre que o sistema de control establecido é "formal, burocrático e demasiado vulnerable á manipulación documental", de modo que se requiren cambios lexislativos para incrementar "a transparencia dos partidos e a contabilidade das campañas".

   Acerca da especialización, lamentou que non existen a nivel autonómico organismos administrativos centrados nas prácticas corruptas, mentres as indicacións do Consello de Contas, por exemplo, non son de obrigado cumprimento.

   Por último, sinalou que non existe labor de prevención na administración máis alá da subscrición de "códigos deontolóxicos xenéricos" sen mecanismos que garantan a súa "aplicación, seguimento e control".