SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -
Un total de 190 equipos de normalización lingüística de centros de ensino de toda Galicia subscribiron un escrito dirixido á Consellería de Educación no que avisan de que "dimitirán" se o departamento autonómico non adopta medidas para o cumprimento do decreto de galeguización do ensino --aprobado en xuño de 2007--.
Así o fixeron chegar hoxe á titular de Educación a través dun documento que rexistraron na consellería o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón; e o presidente da Asociación Pedagóxica Galega (ÁS-PG), Xoán Costa.
En declaracións a Europa Press, Anxo Louzao explicou que, a maiores do manifesto asinado, tamén se lle achegou un documento cunha serie de peticións, entre as que atopan un plan de formación para o profesorado para a correcta aplicación do decreto de galeguización, a creación dun departamento de política lingüística no seo de Educación, materiais didácticos en galego e que a inspección educativa vixíe o cumprimento da normativa.
Tanto Anxo Louzao como Carlos Callón coincidiron en sinalar que entre os equipos de normalización lingüística que asinaron o escrito se atopan "os máis dinámicos" de toda Galicia e puntualizaron que a súa actividade vese "minguada" pola falta de seguimento do a norma.
REUNIÓN CONSELLEIRA.
Deste modo, tamén solicitaron unha reunión coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, para coñecer "as medidas que adopta" para o seguimento do decreto co obxectivo de "parar" a "posible" dimisión dos equipos dos centros.
Neste sentido, Carlos Callón constata "presións" por parte do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que a conselleira "non mova un brazo" a favor da plena implantación do decreto e argumentou que, "de feito, Política Lingüística depende directamente do presidente".
O presidente da Mesa expresou, en declaracións a Europa Press, que as 190 sinaturas supoñen un xesto "contundente" dos equipos de normalización lingüística e denunciou que o feito da propia Administración non faga cumprir as leis constitúe "unha irregularidade especialmente grave".