CC.OO. e UGT recoñecen a CIG "autonomía" para a convocatoria pero apostan polo diálogo e mobilizacións sectoriais

Reprochan á central nacionalista coñecer o chamamento pola prensa e negan contactos

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 8 febrero 2012 19:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos de ámbito estatal CC.OO. e UGT recoñecen a CIG "a autonomía suficiente" para analizar o panorama actual e decidir a súa propia estratexia --coa convocatoria dunha folga xeral para finais de marzo--, pero subliñan que eles apostan polo diálogo social e as mobilizacións en sectores especialmente afectados pola crise --como o naval-- e os recortes --o dos empregados públicos--.

Así o destacaron, en declaracións a Europa Press, os responsables de emprego das dúas centrais, Maica Bouza e José Domingo Barros, respectivamente. Ambos os dous reprochan ao secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ter constancia solo a través dos medios de comunicación do chamamento ao paro xeral do sindicato nacionalista.

Seixo indicou este martes, durante o anuncio da convocatoria, que se poría en contacto co resto de organizacións sindicais --incluídas CC.OO. e UGT-- para coñecer a súa dispoñibilidade a sumarse á folga.

"Sabemos o que dixeron os teletipos", indica Barros, preguntado por se xa houbo algún achegamento. De igual modo, fontes de CC.OO. sinalan a Europa Press que o seu secretario xeral, Xosé Manuel Sánchez Aguión, non ten "constancia" de que a central nacionalista fixese "ningunha petición formal" para tratar o tema. "O único que sabemos sabémolo a través da prensa", ratifican estas fontes.

"ÍMOLO DECIDIR NÓS"

Así as cousas, o secretario de Formación e Emprego de UGT, José Domingo Barros Montáns, chama a atención sobre que CC.OO. e UGT representan, en conxunto, "a máis do 70% dos traballadores de Galicia". Di, ademais, que apostan "polo que decidan" os comités de empresa e as xuntas de persoal, órganos colexiados dos que forman parte delegados da CIG e que "en ningún momento formularon outras medidas" que non sexan as mobilizacións xa postas en marcha en ámbitos como o naval e o dos empregados públicos.

Aínda que UGT "non desbota" nin "descarta ningunha opción", considera que "este momento puntual" están postas "enriba da mesa" este tipo de accións. "Somos un sindicato de diálogo e concertación... pero cando chega o momento temos demostrado que tamén o facemos", resalta, sobre o chamamento á folga. "Non descartamos nada, pero ímolo decidir nós", culmina.

ÁMBITO CONFEDERAL

A secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, coincide en que a CIG é unha organización "independente" e, como tal, "ten unhas formulacións que fixo, unha análise por si mesma, e optou por unha estratexia". "Non sabemos, nin nos comentaron, nin o que persegue, nin o que espera, comenta.

Pola súa banda, Comisiones é un "sindicato de ámbito confederal" que acaba de pechar un acordo de negociación colectiva coa patronal e se atopa "demandando" ao Goberno de Mariano Rajoy "que en vez de tantos anuncios, conte cál é a reforma laboral".

REFORMA LABORAL

Tras a súa aprobación este venres en Consello de Ministros, a central valorará "tódolos contextos", incide Bouza, quen "de momento" aposta pola "negociación e o diálogo social", tanto en Galicia coma no conxunto do Estado, posto que os axentes sociais "son os que mellor contribúen a, en equipo, defender os dereitos dos traballadores".

Neste sentido, advirte, "a folga xeral non é un fin en si mesmo". "Non vivimos por e para a folga xeral, argumenta, senón que sinala a ela como "un instrumento" de "último recurso". Cuestionada polo que acontecerá se a reforma laboral é "moi agresiva" para os traballadores, Maica Bouza responde que "se estudaría calquera tipo de medidas" e conclúe: "Actuaremos en consecuencia".

Contenido patrocinado