O CES alerta do efecto da menor natalidade na sostenibilidade do sistema de protección social e pide medidas

Presentación de la memoria del CES
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 23 julio 2014 15:07

Reclama os poderes públicos "dotar de estabilidade normativa" ao sistema educativo a través dun "amplo consenso social"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Consello Económico e Social (CES) de Galicia alerta e ratifica na memoria correspondente a 2013, presentada este mércores, na súa "preocupación" polo descenso da natalidade, ao tempo que reitera a necesidade de adoptar medidas que a favorezan e contribúan á "fixación" da poboación na comunidade.

O estudio, presentado pola presidenta do órgano, Corina Porro, e varios colaboradores, subliña que o "persistente descenso" da poboación con idades comprendidas entre os 15 e os 34 anos constitúe un feito "preocupante" polas consecuencias futuras que podería ter, entre outros aspectos, "na sostenibilidade" do sistema de protección social.

Á caída da natalidade e ao envellecemento poboacional súmase, segundo o CES, pola "inexistencia" de homoxeneidade en termos xeográficos, de forma que se observan "contrastes importantes" non só entre as provincias galegas do interior e a costa, senón tamén a nivel comarcal.

Preguntada por este extremo e se o descenso pon en risco o sistema de protección social, Porro asegurou que ela considera que "non" está en risco, se ben matizou que o estudio relativo ao ano pasado ratifica a existencia dunha "alerta" que só se pode reverter, segundo o CES, con políticas a longo prazo.

ÁMBITO AMBIENTAL

Por outra banda, o CES reitera tamén a súa preocupación e estima que a protección ambiental é "un elemento fundamental" do desenvolvemento rural, que debe "facerse compatible" coas necesidades da estrutura produtiva e o desenvolvemento económico de Galicia, con maior incidencia no sector primario.

Igualmente, fai fincapé na extensión da superficie forestal existente en Galicia, así como á súa enorme importancia económica, polo que considera necesario "recalcar" a importancia das medidas de "prevención e defensa" contra os incendios forestais, incidindo especialmente na prevención.

ESTABILIDADE NORMATIVA EN EDUCACIÓN

Por outra banda, no apartado relativo a recursos e capacidades para o desenvolvemento, o CES chama a atención sobre o feito de que a Lomce constitúe a sétima reforma educativa dende que se aprobou a Constitución.

Por iso, para o futuro, reclama aos poderes públicos dotar de estabilidade normativa ao sistema educativo a través dun "amplo consenso social", tendo en conta que a educación é "un elemento básico" para garantir a "igualdade" de oportunidades e "clave" para alcanzar unha sociedade "próspera" e o crecemento económico.

A memoria de 2013 tamén pon o acento en que Galicia é a comunidade "con maior porcentaxe de profesorado con idades próximas á xubilación" e unha das que presenta "menor porcentaxe de profesores con menos de 30 anos", para reiterar que a fixación dunha taxa de reposición "axeitada" é "fundamental" para o bo funcionamento do sistema educativo.

"REDUCIÓN" DE RECURSOS EN I+D

Fronte á reivindicación da aposta pola innovación e o desenvolvemento que realizan a diario os diferentes voceiros de Xunta, o informe do CES de 2013 advirte de que a "redución" dos recursos en I+D sitúa a Galicia "cada vez máis lonxe" do obxectivo do 3 por cento para o ano 2020.

Así, entende necesario destinar recursos a I+D para alcanzar os obxectivos comprometidos que permitan incorporar no modelo de crecemento o progreso tecnolóxico.

Non en van, sostén que "reforzar" as actuacións no ámbito da I+D resulta "fundamental" para avanzar na recuperación económica, propiciando un achegamento aos indicadores medios europeos a través dun "maior esforzo investidor" tanto público como privado neste campo, e unha "maior colaboración" entre ambos os dous.