O CGAC acolle unha exposición dedicada ao centenario do arquitecto Alejandro de la Sota

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
XUNTA/Photographer: xoán crespo
Actualizado: miércoles, 16 abril 2014 12:44

Xunto con esta mostra inauguraranse outras tres, que abranguen a obra de Misha Bies Golas, a fotografía de Paco Rocha e a Colección CGAC

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Abr. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, presentou este mércores no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) unha exposición dedicada ao centenario do nacemento do arquitecto galego Alejandro de la Sota que se inaugura este mesmo mércores e que se poderá visitar ata o 15 de xuño.

Xunto con esta exposición, o conselleiro mencionou outras tres mostras que se inauguran "o mesmo día e á mesma hora" e que, segundo explicou, son todas "de gran calidade". Estas tres exposicións abranguen a obra de Misha Bies Golas, a fotografía de Paco Rocha e a Colección CGAC.

A presentación da exposición '100 anos con Alejandro de la Sota', organizada coa colaboración da Fundación ICO e a Fundación Alejandro de la Sota, contou coa presenza da directora desta última fundación, Teresa Couceiro Núñez, o fillo do arquitecto pontevedrés, Juan de la Sota, e o comisario da exposición, Moisés Ponte.

Tamén se atopaba alí o director do CGAC, Miguel Von Hafe Pérez, que trasladou o seu desexo de "facer algo" sobre o centenario de Alejandro de la Sota no centro que dirixe. Estas palabras foron corroboradas por Teresa Couceiro, que agradeceu "o empeño" de Von Hafe e que asegurou que non poderían contar cun lugar "tan idílico como este".

EXPOSICIÓN CON "MATERIAL ATÍPICO"

A directora da Fundación Alejandro de la Sota explicou que a idea da exposición era que "se debía inaugurar en Galicia e logo itinerar" por España e polo resto do mundo". Así mesmo, afirmou que se trata dunha exposición con "material atípico", xa que, ademais de bosquexos e maquetas, contén fotografías e caricaturas do arquitecto, polo que asegurou que é "moi entretida para todos os públicos".

Juan de la Sota, fillo do conmemorado arquitecto, comentou que "ser fillo dun mito molesta" e que se sente "incómodo" ante unha exposición sobre o seu pai que "se chama 100 anos con Alejandro de la Sota". Explicou tamén que o seu pai sempre "desmontou" todos os encargos que recibiu, "retorcéndoos e converténdoos en algo máis interesante que o propio encargo".

OUTRAS EXPOSICIÓNS

Outra das exposicións que se inaugura este mércores é a da Colección CGAC, que, baixo o título 'Col'. e co comisariado de Miguel von Hafe, céntrase nas obras de diversos artistas galegos, nacionais, portugueses e latinoamericanos.

Do mesmo modo a exposición '27 negros', do artista galego Misha Bies Golas, poderase ver a partir deste mesmo día. Trátase dunha obra coral integrada por 27 monocromos negros composta por 27 artistas. Por último, o CGAC albergará a exposición fotográfica 'Naturalmente Humano' de Paco Rocha.