O CGAC acolle este venres a estrea do documental 'Angrois no esquecemento'

Ofrenda de flores a las víctimas del accidente de tren en Angrois
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 26 noviembre 2014 18:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle este venres, ás 22,30 horas e con entrada libre, a estrea do documental 'Angrois no esquecemento', que recolle o testemuño de vítimas, profesionais dos servizos de urxencia e persoas anónimas que colaboraron no rescate o 24 de xullo de 2013, cando un tren Alvia descarrilou neste barrio compostelano e morreron 79 persoas.

Un ano despois, os autores do documental buscan con el mostrar como estes protagonistas intentan esquecer aquela data "sen éxito", mentres as institucións "si fan todo o posible para que a sociedade o esqueza, pero sen esclarecer a verdade".

Na súa páxina web, http://www.angroisnoesquecemento.com/, pódese ver o tráiler do proxecto, así como avances dos testemuños de vítimas como Jesús Domínguez (da plataforma de Vítimas Alvia 04155, que á súa vez anunciou o comezo da gravación dun documental independente), Laura del Moral, Celso González e Carlos Vázquez Padín, entre outros.

O pasado 23 de xullo, xusto na véspera do tráxico accidente, os participantes nunha mesa redonda organizada por 'Galicia Confidencial' visionaron as primeiras imaxes deste documental.

'A VIAXE DOUS CHÉVERE'

Ademais, a organización do festival 'Cineuropa' anunciou que haberá un novo pase de 'A viaxe dos Chévere', a fita de Alfonso Zarauza sobre a compañía de teatro galega á que este mércores se galardoou co Premio Nacional de Teatro 2014.

Esta proxección está prevista para o domingo 30, o último do festival, ás 23,45 horas no Salón Teatro, e contará coa presenza dos propios Chévere.

Tamén será gratis pero para acudir será precisa a retirada de convites no Teatro Principal, que as terá dispoñibles dende este xoves ás 15,30 horas.