A CIG manifestarase este xoves en Ferrol e Vigo en contra do pacto social

Suso Seixo
CIG
Actualizado: lunes, 7 marzo 2011 14:45

Prepara cos sindicatos vascos unha protesta en Madrid en abril contra unha reforma "claramente regresiva" para os traballadores

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, anunciou as mobilizacións organizadas polo sindicato con motivo do Día da Clase Obreira Galega, o próximo 10 de marzo, e avanzou que se manifestará en Ferrol (acto central) e en Vigo, por ser as cidades con maior repercusión das protestas do 1972 que se conmemoran nesta xornada. Este ano, as protestas céntranse no pacto social.

Seixo explicou que este día se recorda a morte de dous traballadores de Bazán en Ferrol durante unhas protestas, motivo polo cal esta cidade acollerá o acto principal. O responsable da CIG indicou tamén que prepara coas centrais sindicais nacionalistas vascas unha manifestación en Madrid na primeira semana de abril --a data concreta está por confirmar--, co fin de que remate "o máis preto posible" do Congreso dos Deputados, onde neses momentos se estará a debater o pacto social.

Esta reforma, pactada polo Goberno central coa patronal e os sindicatos CC.OO. e UGT, é para a CIG "claramente regresiva" para a clase traballadora e "centrouse" nos aspectos que interesan ao Executivo estatal e aos representantes dos empresarios, pero non aborda as medidas "estruturais" que a central nacionalista xulga necesarias.

Neste sentido, volveu reclamar unha política fiscal "moito máis progresiva", a recuperación do imposto sobre o patrimonio, o aumento dos impostos sobre o capital e persecución da fraude. A CIG oponse á privatización de servizos e empresas públicas e pide un maior control sobre o mercado financeiro e os movementos especulativos.

A memoria de anteproxecto, dixo, recolle que o 50% dos traballadores que están en idade de xubilarse na actualidade cotizou xa 38,5 anos --os que se esixirán para retirarse aos 65 anos--, polo que a metade aínda deberá seguir traballando dous anos máis. No caso das mulleres, as que alcanzaron a cotización que se pedirá dende agora representan o 20%, polo que o secretario xeral da CIG considerou que elas "salguen claramente prexudicadas".

Ademais, o documento sinala que a redución no gasto en pensións, se se pasa de considerar 15 anos para a base reguladora a tomar 20, é do 5,38%. Deste modo, se se teñen en conta 25 anos --é a proposta pactada--, a redución na contía das pensións será, segundo Seixo, de en torno ao 10%.

Por todo iso, manifestou o seu "rexeitamento total" ao pacto social e indicou que traballa cos sindicatos vascos na protesta de Madrid, coa que pretenden facer chegar aos deputados do Congreso as súas posicións ao respecto.

NEGOCIACIÓN COLECTIVA

Ademais, advertiu sobre a reforma da negociación colectiva que está en conversacións, pois cre que o obxectivo é avanzar na "centralización" dos procesos e a eliminación dos convenios provinciais. En Galicia, onde o 90% das empresas non chega aos seis empregados, as empresas que poidan mellorar os seus convenios serán "poucas".

Na práctica, dixo Seixo, isto suporía un "debilitamento" da clase traballadora. Así, considerou que a centralización interesa á patronal porque provocará unha "precarización" das condicións laborais e aos sindicatos estatais (UGT e CC.OO.) porque "monopolizan a negociación colectiva".

PREMIO A ECOURENSE

Ademais, con motivo do Día da Clase Obreira Galega, a CIG organizará o mércores unha comida na que entregarán un premio á empresa Ecourense. A distinción pretende recoñecer un conflito que tivera "especial relevancia" no ano anterior.

Neste caso, Seixo destacou que a empresa fixo unha folga "solidaria" tras ser despedida a traballadora que aspiraba como cabeza de lista da CIG ás eleccións sindicais. Agora, apuntou, é a presidenta do comité de empresa.