O comité de Pescanova mostra a súa "preocupación" polo atraso na inxección de crédito e advirte dos riscos

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 21 mayo 2013 21:05

VIGO 21 May. (EUROPA PRESS) -

O comité de empresa de Pescanova manifestou este martes a súa "preocupación" polo atraso na inxección de liquidez á empresa --os administradores concursais manteñen contactos con entidades financeiras para a concesión dun crédito urxente de 55 millóns de euros-- e advertiu do risco de que "se complique" o futuro da compañía sen esa achega.

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa, Francisco Puga, sinalou que o "atraso" na sinatura do crédito para a multinacional pesqueira preocupa "moito" aos representantes dos traballadores.

Aínda que evitou poñerse no escenario dunha posible negativa da banca a achegar eses 55 millóns, Puga recoñece que, sen ese crédito, Pescanova "ten difícil continuar". "Se non se asina, sería un problemón", sentenciou.

Por outra banda, o presidente do comité sinalou que as plantas da pesqueira están a "traballar con normalidade" e que o comité solicitou unha reunión cos administradores concursais, da empresa Deloitte. Puga espera que ese encontro se produza "pronto" e que os novos xestores de Pescanova trasladen os representantes dos empregados "información sobre como está a situación da empresa".

Mentres, o responsable da FGAMPTT da CIG, Xosé Fernández Piñeiro, mostrou a súa "confianza" en que finalmente a banca acredora outorgue ese crédito a Pescanova, aínda que "con condicións moi duras". "Se non fose así, Pescanova iría á liquidación, pura e dura", engadiu.

Contenido patrocinado