As medidas da Xunta para baixar os carburantes non se percibirán "en menos dun par de anos"

El presidente del Consello Galego da Competencia (CGC), Francisco Hernández
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 26 agosto 2014 20:48
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Subliña que o mercado do gasóleo é "nacional", polo que Galicia só poderá combater "ter o prezo máis alto" de España para situarse "na media"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O presidente do Consello Galego da Competencia (CGC), Francisco Hernández, descartou este martes que as medidas da Xunta para rebaixar o prezo dos carburantes se vaian percibir "en menos dun par de anos".

   "Cando un mercado é oligopolístico, é complicado cambiar o modo de actuación", explicou Hernández, ao ser preguntado en rolda de prensa se se aprecia algún cambio nos prezos do gasóleo despois de que a Xunta anunciase que impulsaría as gasolineiras independentes e que simplificaría os trámites para facilitar a súa instalación.

   Todo iso, despois de que un informe realizado a principios de anos polo CGC detectase que Galicia ten o gasóleo para automoción máis caro da España peninsular e que o nivel de concentración do mercado minorista é once puntos superior á media estatal.

   "Nin a solución é instantánea nin o será o efecto", abundou o presidente do organismo galego encargado de supervisar a competencia, para quen "é demasiado pronto para que se note ningún tipo de cambio". "O mercado segue sendo oligopolístico e os prezos seguen sendo altos", confirmou.

"CAMBIAR A DINÁMICA"

   E é que, como subliñou, "non abonda con dicir" que se facilita a apertura de gasolineiras. "Fai falta que se instalen, que sexan operativos, que empecen a competir as independentes con prezos algo máis baratos,...", enumerou.

   Así, segundo as súas propias palabras, trátase de ir "cambiando a dinámica" e que esta sexa a que "vaia levando os prezos pouco a pouco cara a abaixo". Por iso, insistiu, os efectos das iniciativas anunciadas polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "pódense empezar a notar a medio prazo".

   O que si pode percibirse "moi pronto", proseguiu, é a rebaixa de prezos na zona das gasolineiras de baixo custo porque "normalmente" as que se atopan "na súa área de influencia baixan os prezos". "Pero non con cifras relevantes a nivel de toda a comunidade", apostilou o presidente do CGC.

UN MERCADO "NACIONAL"

   Dito isto, Francisco Hernández advertiu de que o mercado dos combustibles para automoción funciona a nivel "nacional", de modo que "os problemas de distribución de carburantes a nivel nacional non se solucionan coas medidas da Xunta".

   Neste sentido, deixou claro que "o que se pode conseguir" con estas iniciativas é que Galicia "deixe de ter o gasóleo máis alto para ter un gasóleo con prezos na media doutras comunidades".

MERCADO DA ELECTRICIDADE

   Ao fío diso, na súa comparecencia ante os medios, Hernández avanzou que o CGC realizará en 2015 un estudio sobre o mercado da electricidade en Galicia --similar ao elaborado sobre os combustibles--, por tratarse dun ámbito cunha "repercusión clara e directa na economía das familias e das empresas".

   Como explicou, o "problema fundamental" da enerxía reside en que "instaurar a libre competencia" tras un monopolio estatal "é un tema complexo que leva moitos anos".

   Sobre todo, proseguiu, porque existe unha única rede e isto dificulta que "poida haber diversos competidores fortes". A consecuencia, segundo recalcou, é que "os prezos son máis elevados do que deberían ser".

   Finalmente, Francisco Hernández sinalou que este informe busca dar resposta á "preocupación" e o "interese" expresado por varios grupos políticos en comisión parlamentaria.