O Concello de Ourense cumpre a sentenza e releva á directora de Persoal

Carmen Rodríguez Dacosta y Francisco Rodríguez (PSOE, Ourense)
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 5 marzo 2015 20:32

OURENSE, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O Concello de Ourense relevará a súa directora xeral de Persoal para dar cumprimento á sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula o seu nomeamento, segundo anunciou este xoves o alcalde, o socialista Agustín Fernández.

   O rexedor deu unha rolda de prensa, acompañado pola directora xeral de Persoal, Carmen Rodríguez Dacosta, e explicou que a xunta de goberno local acordará o luns executar a sentenza, pois o venres non é posible, posto que se celebra o pleno municipal do mes de marzo.

   "Podemos discrepar e discutir a sentenza, pero ímola executar", subliñou Fernández. O motivo da anulación do nomeamento, segundo a sentenza, por "falta de motivación", levou ao alcalde a expresar a súa "sorpresa", pois tanto noutros concellos, coma na Xunta de Galicia ou no Estado, hai "moitos directores xerais" nomeados "directamente ou por decreto", porque son persoal de confianza.

   "En Ourense quixemos ser máis garantistas", afirmou. Aludiu así á convocatoria da praza á que concorreron, en 2013, tres candidatos, un deles Carmen Rodríguez, que fora a responsable da mesma área municipal en calidade de concelleira non electa, o cesamento da cal se produciu por un cambio lexislativo de abril de 2013.

   Segundo o rexedor, a sentenza é "difícil de entender e supón un agravio comparativo", porque só na Xunta hai 30 directores xerais nomeados directamente, segundo concretou.

   Expresou o seu "recoñecemento" ao traballo desenvolvido por Carmen Rodríguez, que cualificou de "satisfactorio" e aludiu á dificultade que entraña a súa área de competencia. "E agora será máis difícil aínda, así que haberá que tomar medidas", agregou.