A súa avogada destaca que se trata da sentenza "de maior contía que se ditou ata o momento"
O GROVE (PONTEVEDRA), 22 (EUROPA PRESS)
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 11 de Vigo condenou a Novagalicia Banco a devolver os 241.098 euros que un home de 90 anos invertera en obrigas subordinadas a partir do ano 2006 por entender "nulo de pleno dereito" o contrato que este subscribira, xa que "sempre estivo na crenza de que asinaba un depósito a prazo".
Segundo informou a súa avogada, Diana Otero, do despacho Foro-Lex en O Grove (Pontevedra), trátase da terceira sentenza relativa a obrigas subordinadas que se dita contra Novagalicia Banco, e a de "maior contía que se ditou ata o momento", tanto de subordinadas coma de participacións preferentes.
O afectado, G.S.V., veciño de Vigo, asinara con Caixanova varias ordes de compra de obrigas subordinadas a partir do ano 2006, cando xa tiña 83 anos, coa "crenza da plena liquidez do produto" e a "imposibilidade de perder o invertido", como sinala na súa sentenza titular deste xulgado, Juan Carlos Carballal.
"O meu cliente, coa idade que ten, non contrataría este produto se estivese ben informado", engadiu Outeiro, quen explicou que non foi ata cando as fillas do seu representado quixeron empregar este diñeiro para a compra dun piso cando o seu cliente soubo que o que tiña non era un "depósito que podería recuperar en 48 horas", como asegura que o trasladaron na entidade bancaria.
FALTA DE INFORMACIÓN
Segundo sinala o xuíz no seu auto, as obrigas subordinadas son produtos de renda fixa a longo prazo que poden clasificarse como "un instrumento financeiro complexo de alto risco", polo que o perfil de investidor debería ser o dunha persoa con "coñecementos financeiros" que invertese "sempre" unhas contías que "se poida permitir perder".
Non obstante, o demandante era unha "persoa de avanzada idade, sen estudios nin coñecementos especializados" que entende o xuíz que non buscaba realizar unha operación especulativa senón "obter algún beneficio" dos seus aforros" e que "confía" na información que "lle transmite o seu propio asesor, co que sempre traballou mantendo alí os seus depósitos".
Non obstante, segundo se recolle na sentenza, non consta "nin de forma documental nin verbalmente" que ao demandante se lle proporcionase "información sobre a verdadeira natureza" dun produto que cualifica de "elevado risco e de liquidez limitada", e que considera "demasiado complexo" para que un "cliente non experto" poida "solicitar por se mesmo".
ASESORAMENTO
Por outra banda, o xuíz tamén analiza no seu auto por que a entidade bancaria recomendou unha "venda de risco inadecuada e altamente especulativa" a un cliente "minorista" que debe gozar da "máxima protección".
Neste sentido, destaca que unha entidade "non pode recomendar produtos non idóneos para o cliente" e manifesta que "non se remata de entender" porque se estima axeitado ao seu perfil unhas obrigas con vencemento a 15 anos "que habería de amortizar cando cumprise os 98 anos".
Observa, así, que ao ser a entidade financeira tanto a creadora como a comercializadora do produto financeiro en cuestión, pode darse un "conflito de intereses difícil de xestionar por parte do banco", que non exerce como un "mero intermediario" senón que é a "contrapartida directa" da venda dunhas obrigas que permiten "fortalecer os recursos propios da entidade".
Por iso, incide en que as entidades financeiras que prestan servizos de asesoramento financeiro deberán actuar "en interese de cliente", e que a "realización de recomendacións personalizadas non idóneas" é contraria á lexislación.
"A complexidade dos produtos financeiros aumenta a asimetría entre o cliente e a entidade, ocasionando un desequilibro que empurra, na maior parte dos casos, ás entidades financeiras a transmitir recomendacións activas e orientadas á contratación como un elemento substitutivo da información técnica do produto", engade o xuíz na súa sentenza.
ORDES DE VENDA
Como se recolle na sentenza, o demandante chegaría a vender parte das obrigas adquiridas, pero o xuíz non considera admisible o argumento dos demandados de que esta venda supoñía que coñecese a "tipoloxía do produto", posto que a súa venda facíalle "confiar en que a súa liquidez era inmediata como calquera depósito a prazo", polo que conclúe que "nunca coñeceu o contido das ordes de compra que asinou".
O titular do xulgado número 11 de Vigo condenou a costas a entidade financeira e denegou a petición desta de que lle fosen reintegrados os intereses percibidos polo demandante, posto que nese caso o banco "obtería unha rendibilidade" que "non "tería que compensar" polo diñeiro que a lle entrego, mentres ao cliente "non se lle compensaría pola perda" do valor invertido.