Aviso: Esta noticia tiene más de un año. Última actualización: 04/09/2010 00:00
SANTIAGO DE COMPOSTEla, 4 Sep. (EUROPA PRESS) -
O pleno do Congreso dos Deputados debaterá o martes a toma en consideración da proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento galego hai dous anos, na que se reclama a transferencia á comunidade das competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade vial.
A iniciativa será defendida no pleno da Cámara baixa por tres deputados galegos --Pedro Puy Fraga (PPdeG), Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG)-- e se logran que se aprobe, Galicia converterase na terceira comunidade --xunto con Cataluña e País Vasco-- en xestionar estas competencias.
Á espera do que aconteza o martes, os grupos desprázanse cun espírito positivo. "O lóxico é que todo o mundo estea de acordo", sinalou, en declaracións a Europa Press, Pedro Puy Fraga, aínda que matizou que a resolución non se confirmará ata o momento da votación.
Tampouco Fernández Leiceaga se aventura a prognosticar cál vai ser o sentido dos votos dos grupos na Cámara, nin sequera do PSOE, pero fai fincapé en que esta iniciativa foi aprobada "por unanimidade" por PPdeG, PSdeG e BNG no Pazo de O Hórreo.
"Espero que tanto o PSOE como o resto dos grupos teñan en conta que isto está aprobado polo Parlamento galego", manifestou Xaquín Fernández Leiceaga, antes de subliñar que, aínda sendo consciente de que a Administración central "o está a facer moi ben", esta é unha competencia que "se pode defender e adaptar" na comunidade galega.
Pola súa banda, Anxo Quintana sempre defendeu o traspaso desta competencia. De feito, na pasada lexislatura, cando ostentaba o cargo de vicepresidente da Xunta proclamou que a unanimidade que deu apoio a esta proposición de lei representaba "o maior exercicio de autogoberno que se pode facer".
CONTIDO DA LEI
A proposición de lei conxunta que partiu dous anos atrás da Cámara galega expresa a vontade de que a Policía Autonómica remate o seu despregamento nas estradas da comunidade no horizonte de 2010, momento ata o que a Garda Civil continuará exercendo as súas funcións.
O texto dispoñía que a Xunta contará con todas as competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria; agás a facultade de expedir, revisar e cambiar os permisos e licenzas para conducir vehículos e a matriculación e expedición de permisos ou licenzas de circulación.
Deste modo, o Goberno galego, a través da Policía Autonómica, controlará e vixiará o tráfico nas vías interurbanas, función realizada actualmente pola Garda Civil. Para materializar a substitución pídese a colaboración entre as institucións galegas e españolas e ínstase a comezar o proceso "coa maior brevidade".
Ademais, contará coa facultade de denunciar e sancionar a infracción das normas, e a de formar os axentes e profesores de autoescola. Tamén se encargará de realizar os exames de condución, entre outras atribucións.