Sanidade destaca que O Meixoeiro está "perfectamente preparado" para actuar

Rocío Mosquera
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 22 agosto 2014 15:52
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Remarca que a celadora embarazada foi apartada das listas do Sergas porque "non está en condicións" para desenvolver o seu traballo

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou este venres que o Hospital do Meixoeiro de Vigo está "perfectamente preparado" para actuar en caso de que houbese algún paciente infectado co virus do ébola.

   En concreto, a preguntas dos medios, engadiu que no hospital vigués se levou a cabo o pasado 21 de maio un simulacro do protocolo do ébola, no que participaron "tódolos profesionais" do centro, dado que Vigo foi designado como "un porto que podería recibir pacientes infecto contaxiosos".

   Desta forma, a conselleira de Sanidade aseverou que contra o virus do ébola hai que actuar "como con calquera outro" e "saben como actuar" en caso de que, "desgraciadamente", tivese lugar un caso, e insistiu en que é "moi improbable" que aconteza.

   Non obstante, Mosquera asegurou que as posibilidades de ter un caso de ébola en Galicia son moi escasas e remarcou que "non se faga un problema onde non o hai".

   Nesta liña, transmitiu "total e absoluta" tranquilidade baseándose no "que din todos os profesionais", xa que non se prevé que poida haber ningún infectado na Comunidade galega.

"O PROBLEMA ESTÁ EN ÁFRICA"

   Así, engadiu que o problema está nos países africanos, "evidentemente, onde se suman "dúas situacións moi complexas", as medidas de prevención técnico sanitarias e un sistema sanitario "moi feble".

   África "non é capaz" de dar resposta a todos os casos que "se están a producir", pero a titular de Sanidade destacou que isto "non acontece" nin en Galicia nin no resto de comunidades.

TRABALLAN DENDE MARZO

   Ademais, a Consellería de Sanidade traballa co Ministerio homólogo dende o pasado mes de marzo, segundo informou Mosquera, cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) deu a primeira alerta de ébola en África.

   Por iso, sinalou que hai un protocolo colgado na páxina web do Ministerio dende abril, "coñecido por todos os profesionais sanitarios" de Galicia e do resto das autonomías españolas.

   Os expertos teñen "moi claro" o que deben facer cando se trata dun caso dun paciente infeccioso, ratificou, e engadiu que "non é excepcional" ter un paciente illado nun hospital.

CELADORA EMBARAZADA

   Por outra parte, preguntada polos xornalistas acerca do caso da celadora apartada das listas do Sergas por estar embarazada, Mosquera repetiu que é un caso "normal", xa que "non está en condicións" de desenvolver o traballo. Trátase dunha "prevención de risco da propia traballadora" e, por iso, "non se "pode formalizar" o contrato.

   "Paréceme que se están a sacar as cousas de contexto", criticou a conselleira de Sanidade, "sobre todo cando se está a acusar" de que isto é unha "discriminación sexista e machista". Non obstante podería acontecer "en moitas outras ocasións", xustificou.

   Para "non se centrar no tema do embarazo", Mosquera comparou este caso co de "calquera traballador que estivese nas listas e tivese un brazo roto", xa que nesta situación o traballador "non podería desenvolver o seu labor", da mesma forma que a muller embarazada, e "tampouco se formalizaría o contrato".