O Consello de Colexios Médicos di que os sanitarios piden "menos probas diagnósticas" para mulleres que para homes

Comisión de Igualdade
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 27 febrero 2015 15:17

Destaca o "dilema ético" dos médicos cando unha paciente sofre violencia de xénero e rexeita comunicalo ás autoridades xudiciais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Consello Galego de Colexios Médicos asegurou este venres que os profesionais sanitarios solicitan "menos probas diagnósticas" para mulleres que para homes ante o "mesmo motivo de consulta". "É unha realidade", defendeu.

Neste sentido, o vogal do Colexio Oficial de Médicos da Coruña Rosendo Bugarín relatou como se lle dá unha "resposta diferente" a un problema de saúde dependendo de se o paciente é home ou muller.

En concreto, fíxoo na comisión non permanente de estudio para a igualdade e para os dereitos das mulleres, onde se analizou a aplicación da lei orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e da lei 11/2007 de prevención e tratamento integral de violencia de xénero.

Sobre esta "resposta diferente" en función do sexo do paciente, Bugarín subliñou que os profesionais sanitarios prescriben "máis psicofármacos" cando atenden a unha muller, xa que pensan que a doenza teñen unha "orixe psicosomática". Por iso, Bugarín considera que, nalgunhas ocasións, hai un "nesgo de xénero" no colectivo médico.

A este respecto, a deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias denunciou que as mulleres que ingresan cun infarto de miocardio nas urxencias sanitarias "morren máis" que os homes debido a que "non se queixan". "Padecemos menos o infarto, pero nas urxencias morren máis mulleres porque estamos caladas", sentenciou a parlamentaria do Grupo Mixto.

Na súa resposta a Iglesias, Bugarín explicou que as mulleres chegan "máis tarde" ao hospital que os varóns porque, en relación aos síntomas atribuídos ao infarto de miocardio, se considerou "típico" o cadro dos homes e non o das mulleres.

"DILEMA ÉTICO"

Por outro lado, o vogal do Colexio Oficial de Médicos da Coruña fixo fincapé no "dilema ético" ao que se enfrontan os profesionais sanitarios cando unha paciente sofre violencia de xénero, apela á "confidencialidade" e pide que "non se comunique" o seu caso ás autoridades xudiciais.

E é que, segundo precisou, os sanitarios se atopan, por un lado, co "principio de non maleficencia" e, polo outro, coa "autonomía" e a necesidade de "respectar as decisións" dos seus pacientes.

Neste sentido, a deputada do BNG Carme Adán remarcou que aquelas mulleres que sofren agresións machistas e rexeitan comunicalas ás autoridades xudiciais teñen a "vontade rota" polos seus agresores. "Non é un dilema ético, senón un dilema profesional", resolveu.

Por esta razón, a parlamentaria do Bloque apostou por que sexan os profesionais doutras áreas, como traballadores sociais, os que axuden á vítima para que denuncie a súa situación.

A este respecto, Bugarín respondeu a Adán que este "dilema ético" non só téñeno os médicos, senón outros profesionais sanitarios como os propios traballadores sociais. "Por iso, pido que xuíces, fiscais e médicos forenses teñan conciencia de que isto, para nós, é un problema", resolveu Bugarín.

"PROBLEMA" COMUNICATIVO

Con todo, o vogal do Colexio Oficial de Médicos da Coruña entoou o 'mea culpa', pois considera que os profesionais sanitarios teñen un "problema" en relación ás súas habilidades comunicativas. Esta deficiencia, segundo relatou, prodúcese cando unha persoa "non só non comunica aos médicos cál é o problema, senón que trata de ocultalo".

Neste sentido, a parlamentaria do PPdeG Rosa Oubiña coincidiu con Bugarín en que é unha "realidade" a existencia de facultativos que "non saben como preguntar" por "medo a ofender ao paciente".

Nesta mesma liña, a parlamentaria do PSdeG Carmen Acuña comunicou a Bugarín que non comparte en "nada" o "dilema ético" que Bugarín formulaba. "A vítima non vai querer denunciar porque é vítima de violencia de xénero", sentenciou Acuña, quen considera que esta é a "esencia do maltrato".

A xeito de exemplo, preguntoulle a Bugarín se permitiría a unha persoa que pretende "tirarse pola ventá" que o fixese. "¿Respectaría a súa vontade? Por suposto que non", resolveu a parlamentaria socialista, quen fixo fincapé en que a "formación" e "investigación" en relación á violencia de xénero é "absolutamente escasa".

AUMENTO DO PERSOAL

Pola súa banda, a deputada de AGE Eva Solla solicitou un "aumento" de persoal no equipo de "atención primaria" e de "urxencias", ao tempo que cargou contra as "dificultades" que atravesa a investigación pública en Galicia, tamén en materia de "xénero".

Así mesmo, Carmen Iglesias fixo fincapé nos problemas das mulleres "minusválidas", "inmigrantes", "maiores, "do rural", das que están en "prisión" e das que padecen "VIH", pois sostén que, ante casos de violencia de xénero, estas teñen "menos posibilidades de defenderse". De feito, fixo fincapé en que as mulleres de ámbitos rurais que denuncian están "mal vistas".