Consello.- Feijóo sobre a marcha de Navantia: "Se se fixese hai moito tempo, ao mellor non estabamos así"

Alberto Núñez Feijóo
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 9 febrero 2012 19:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que se a marcha que protagonizaron este xoves os traballadores de Navantia en Fene e Ferrol para denunciar a falta de carga de traballo se fixese tempo atrás "ao mellor" non se daba a situación actual, posto que o problema "non acaba de xurdir", senón que "se recrúa" tras seis anos nos que non se lograron pedidos novos.

"Se esta marcha se fixese hai moito tempo, ao mellor non estabamos así", constatou o presidente, antes de precisar que, en calquera caso, o seu Goberno estará a "acompañar e propoñendo" fórmulas para atopar carga de traballo para Navantia. Iso si, precisou que non vai suplantar a SEPI, titular do estaleiro, nin o Ministerio de Industria.

Na súa intervención, Núñez Feijóo destacou, ademais, que a Xunta non tivo "ningunha facilidade" para comunicarse co Goberno central na pasada lexislatura e constatou que "en sete semanas" dialogou máis co Executivo de Rajoy do que o fixo en tres anos cos seus antecesores socialistas.

Así as cousas, insistiu en que os problemas do naval son "unha prioridade" para Galicia, ao tempo que destacou os pasos dados polo Goberno central ao presentar por primeira vez na Unión Europea (UE) unha alternativa para substituír ao 'tax lease' e non deixar "sen efecto" o fondo para a construción naval.

"Son dúas excelentes noticias", interpretou Núñez Feijóo, para concluír que, malia todo, quedan "cousas por facer" para garantir o futuro dun sector "moi importante" na Comunidade, polo que hai que seguir traballando".

Contenido patrocinado