Continúan a busca do músico desaparecido no río Miño

Actualizado: martes, 31 mayo 2016 7:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

O operativo que traballa nos labores de busca do músico galego desaparecido o sábado pola noite no río Miño despois de actuar nas festas de Lapela (Monçao), en Portugal, composto por servizos de emerxencias portugueses e galegos, continuou este martes o rastrexo.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da Comandancia Naval do Miño, que indicaron que o dispositivo se retomou ás 9,00 horas, coa única novidade respecto a este luns de que non están a participar os mergulladores.

Este luns, os mergulladores peitearon "moitas veces" as zonas nas que había indicios da presenza do músico, ao acharse alí algunhas das súas pertenzas. En concreto, na xornada do domingo atopou a boquilla do seu trombón de varas, e posteriormente as chaves do seu coche e o propio instrumento.

Xa este martes, os medios están despregados nas dúas beiras e as embarcacións prevén percorrer a costa dende Lapela augas abaixo, durante as primeiras horas do día.

Sobre as 10,30 horas está previsto que volvan utilizar un dron na busca, e pola tarde tamén se unirá unha unidade de cans para rastrexar as beiras.