A contratación do persoal contra o lume en outubro será “estrutural” no futuro

El director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto.
Europa Press
Actualizado: viernes, 22 junio 2018 13:16

Xunta e Fegamp asinarán "pronto" un convenio polo que propietarios poderán delegar na administración as rozas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jun. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, avanzou que a prolongación a outubro da contratación do persoal de loita contra o lume que se realiza este ano manterase de forma "estrutural" nas próximas campañas.

Nun almorzo informativo este venres en Santiago, Fernández-Couto apuntou que a campaña de alto risco fíxase de xullo a setembro, coa opción de ampliala en outubro, aínda que garante que os traballadores que dependen da Xunta, así como os da empresa pública Seaga e os de Tragsa, serán contratados en outubro máis aló das condicións meteorolóxicas que existan.

Neste sentido, explica que o mes de outubro non se fixa a priori como de alto risco de incendios para "evitar a rixidez", xa que "levantar a situación de alto risco é moi complicado", e pódese dar o caso de que comece chover, polo que se poderían permitir, por exemplo, as queimas se se dan as condicións.

Precisamente, foi no mes de outubro do ano pasado cando se produciu a vaga de incendios en Galicia que provocou a morte de catro persoas e deixou case 50.000 hectáreas arrasadas.

DONOS PODERÁN PAGAR A ADMINISTRACIÓN PARA ROZAS

Así mesmo, o responsable de Ordenación Forestal prevé que a Xunta firme "pronto" coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un convenio "moi potente" para colaborar nas tarefas de limpeza de franxas de seguridade contra o lume.

Aquí, inclúese a posibilidade de que propietarios de terreos en zonas de alto risco poidan delegar na administración as tarefas de limpeza. Iso si, "pagando" os donos dos terreos estes traballos. O obxectivo é que se adhiran a un sistema máis áxil para garantir que queden limpos o "cento por cento" das franxas de seguridade nestes lugares con maior incidencia de lumes.

Esta medida "vai supoñer en catro anos miles de quilómetros de franxas de 50 metros de ancho en Galicia", valora o alto cargo da Consellería do Medio Rural.

Para este acordo, a Xunta destinará este ano seis millóns de euros. Así mesmo, o convenio será tamén para tres anos máis con 10 millóns de euros anuais -7,5 achegados polo Goberno galego e 2,5 millóns poñeraos "o conxunto das administracións locais"--.

"UN ANTES E UN DESPOIS" NA LIMPEZA DE LEIRAS

Respecto da limpeza de franxas secundarias -nas inmediacións de vivendas e inmobles-- , o director xeral de Ordenación Forestal recoñece que "non hai un gran cumprimento", pero valora que este ano hai "un punto de inflexión", "un antes e un despois" nos esforzos para estas tarefas e o cumprimento da normativa."Vimos un cambio", sentenza.

Por iso, Fernández-Couto cre que o avance "importante" deste ano hai que " consodilalo" no futuro, porque é "un movemento que non pode ter marcha atrás". "Non é un capricho, non é unha tolemia de imposición", defende.

Así, subliñou que "se está avisando" aos propietarios co reforzo de sinais en vías, polo que "progresivamente as sancións van chegar", aínda que aclara que "non é unha medida recadatoria".

"Que vai haber denuncias? Si; que probablemente van ser moitas? Si", asegurou Fernández-Couto, aínda que explica que aínda non existen cifras sobre esta cuestión.

DIMINUCIÓN DE ACTIVIDADE INCENDIARIA

Na súa intervención ante os medios, Tomás Fernández-Couto referiuse á vaga de incendios de outubro para subliñar a "extrema actividade incendiaria" que houbo entón, acompañada dunhas condicións meteorolóxicas tamén "extremas".

Con todo, asegurou que "a actividade incendiaria en Galicia está a diminuír", e pon como exemplo que agora se producen entre 1.500 e 3.000 incendios anuais, pero en 1995 chegaron a ser 15.500, unha "diminución á terceira parte".

E dado que hai unha "altísima actividade incendiaria" en Galicia "cando as condicións son extremas", a Xunta aposta por ser "máis contundente e esixente" na prevención contra o lume.

Nesta liña, considera "máis que necesario" que as actuacións urbanísticas inclúan un plan de defensa contra incendios para mellorar a seguridade.