A Corporación da Coruña pide por unanimidade a Alcoa que retire os despedimentos e manteña a actividade

Actualizado: lunes, 22 diciembre 2014 13:56

Insta á Xunta e o Goberno central a "cambiar" o sistema enerxético

A CORUÑA, 22 Dic. (EUROPA PRESS) -

A Corporación municipal da Coruña aprobou, co respaldo de todos os grupos -PP, PSOE, BNG e EU-V-, unha moción, a instancias dos traballadores da planta de Alcoa na cidade, para reclamar á empresa que retire o proceso de despedimento colectivo e manteña a actividade produtiva.

A moción insta tamén á empresa a concorrer á segunda poxa eléctrica convocada polo Ministerio de Industria, -algo que xa confirmou Alcoa- e ao Goberno galego e ao central a "cambiar o sistema enerxético do país para que garanta a viabilidade da industria grande consumidora de enerxía e o mantemento dos postos de traballo".

Na quenda de intervencións, a concelleira de Emprego, Luisa Cid, subliñou a petición dos traballadores de que "ninguén fixese partidismo". "Sorpréndeme que, unha vez máis, o BNG aproveite para falar do seu", manifestou ante a moción que presentaron, a maiores da conxunta, reclamando unha "tarifa eléctrica galega".

Na mesma liña, dixo que lle "sorprende" que se falase da situación da antiga fábrica de armas da Coruña, cuxos extraballadores xunto cos de Alcoa estiveron concentrados na praza de María Pita.

Así, reprochou á voceiro socialista Mar Barcón que, durante o bipartito, o PSOE pretendese, segundo as súas palabras, "un pelotazo urbanístico" neses terreos.

SOLUCIÓN

Mentres, Barcón cualificou de "imprescindible que se dea unha solución de emerxencia" a empresas como a de Alcoa para evitar "a espada de Damocles" que, segundo dixo, supón a actual situación.

Na mesma liña, o voceiro de EU-V, César Santiso, expresou o "máximo apoio e solidariedade" aos traballadores ante "a situación dramática que están a pasar".

"Temos que impedir o peche", dixo tamén sobre a planta coruñesa e ao considerar "fundamental" modificar o actual sistema enerxético. Ademais, formulou que este reverta "a mans públicas".

Pola súa banda, a edil do BNG María Xosé Bravo, cualificou de "agónico" o día de hoxe, pola poxa eléctrica que se celebra nesta xornada e na de mañá. Non obstante, advertiu de que "non se pode curar un cancro con aspirina".

Por este motivo, xustificou a presentación doutra moción, á marxe da conxunta de todos os grupos, para reclamar "unha tarifa eléctrica galega".