A crise demográfica empeora en Galicia, que asume o peor saldo vexetativo con 10.048 mortes máis que nacementos

A comunidade rexistrou 9.562 matrimonios en 2012, dos que o 60,9 por cento formalizáronse mediante a vía civil

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 junio 2013 17:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

A crise demográfica empeora en Galicia, que rexistrou no pasado ano un nova redución do 2,2 por cento do número de nacementos e se situou como a comunidade española con peor saldo vexetativo en 2012 ao computar un total de 10.048 defuncións máis que nacementos, a maior diferenza do conxunto de autonomías, seguida por Castilla e León.

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia computou en 2012 un total de 21.113 nacementos fronte a 31.161 defuncións. Así mesmo, constátase un descenso progresivo dos nacementos dende 2010, aínda que hai un repunte con respecto aos 19.418 rexistrados no ano 2000 ou os 21.097 de 2005. En canto ás mortes, hai un aumento constante e o dato de 2010 foi de 29.749.

Sen contar cos que deixaron a comunidade en busca de emprego, Galicia non só mantén, senón que agudiza o seu saldo vexetativo negativo. Xunto a ela, noutras cinco comunidades morreron máis persoas que as que naceron: Castilla e León ( -9.417), Asturias ( -5.643), Extremadura ( -1.780), Aragón ( -1.778) e Cantabria ( -796). Pola contra, o resto das autonomías constatan saldos positivos, dende as 93 persoas de País Vasco ás 25.293 de Madrid.

A cidade autónoma de Melilla e a comunidade de La Rioja son as únicas que rexistran un incremento de nacementos en 2012, mentres que o resto de comunidades teñen unha variación negativa. De todas elas e, malia ter o peor saldo vexetativo, Galicia (cun 2,2 por cento) rexistra unha das baixadas menos pronunciadas de nacementos, xunto con Asturias (1,8 por cento), Canarias (1,1 por cento) e Navarra (0,2 por cento).

No conxunto de España, o número de nacementos, que alcanzou o máximo dos últimos 30 anos en 2008 (naceron 519.779), non parou de reducirse dende entón e a medida que ía avanzando a crise económica, ata acumular unha caída do 12,8 por cento nos últimos catro anos, segundo a estatística de Movemento Natural de Poboación.

O crecemento vexetativo da poboación residente en España (nacementos de nai residente menos defuncións de residentes) reduciuse un 42,9% en 2012 ata situarse en 48.488 persoas. Este saldo non se situaba por debaixo das 50.000 persoas dende o ano 2001, conforme a estatística oficial.

O INE refírese ao incremento de defuncións como "evolución excepcional" e atribúe a súa orixe a "un incremento conxuntural das defuncións nos meses de febreiro e marzo", nos que o número de decesos superou nun 29,2% e nun 13,6%, respectivamente, aos rexistrados nos mesmos meses de 2011. En consecuencia, a taxa bruta de mortalidade situouse en 8,6 defuncións por mil habitantes, fronte aos 8,4 de 2011. A de mortalidade infantil mantívose en 3,1.

Así mesmo, a esperanza de vida dos cidadáns ao nacer reduciuse "lixeiramente" ata os 82,2 anos, pero só houbo contracción entre as mulleres, que perden 0,2 anos situando a súa esperanza na idade de 85, mentres a dos varóns se mantén en 79,3. Segundo o INE, unha persoa que alcance os 65 anos esperaría vivir, de media, 18,4 anos máis se é home e 22,4 máis se é muller.

NACEMENTOS E NOMES FAVORITOS

Os datos publicados polo centro estatístico, evidencian que as provincias de A Coruña e Pontevedra son as que rexistraron en 2012 un maior número de nacementos (9.012 e 7.923, respectivamente) fronte aos 2.247 de Lugo e aos 1.931 de Ourense. Por cidades, Vigo, con 2.566, e A Coruña, con 2.105, acumulan o maior número de nacementos seguidas de Lugo (964) e Santiago (907). Ourense suma 871 e Pontevedra, 744.

Así mesmo, dos 21.113 bebés que naceron en Galicia o pasado ano, un total de 1.567 ten nai estranxeira.

En canto aos nomes preferidos para os recén nacidos galegos, outro estudio do INE constata que en 2012 un total de 421 nenos recibiron o nome de Hugo; 375 o de Mateo; 352 o de Martín; e 334 o de Pablo. Así mesmo, 354 nenas recibiron o nome de Noa, 352 o de Sara, 348 o de Lucía e 300 o de Daniela. Un total de 202 pais optaron polo tradicional nome de María.

DEFUNCIÓNS POR PROVINCIAS

No apartado de defuncións, os datos demográficos do INE mostran que 12.109 mortes das máis de 30.000 rexistradas en Galicia tiveron lugar en A Coruña; 9.175 en Pontevedra; 5.107 en Lugo; e 4.771 na provincia de Ourense.

O instituto estatístico evidencia que se produciron 10 defuncións de nacidos que viviron menos de 24 horas e un total de 56 mortes fetais tardías.

MATRIMONIOS

Así mesmo, segundo os datos publicados este martes, a Comunidade rexistrou 9.562 matrimonios en 2012, dos que o 60,9 por cento - -5.828-- formalizáronse mediante a vía civil; 3.598 fixérono polo rito católico; 40 por outra relixión; e noutros 96 non consta a fórmula elixida polos contrayentes.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra ostentan o maior número de unións (4.371 e 3.224, respectivamente), fronte aos 1.042 de Lugo e os 925 de Ourense. Así mesmo, dos 9.562 matrimonios formalizados en Galicia, 880 teñen polo menos un cónxuxe estranxeiro.

No conxunto do Estado, revélase que o ano pasado se incrementaron os matrimonios un 3,4 por cento ata os 168.835, o que rompe a tendencia decrecente iniciada no ano 2005, empurrada por un aumento do 8,7% nas vodas civís. Un 2,3 por cento dos enlaces celebrados foron entre persoas do mesmo sexo e a taxa bruta de nupcialidade aumentou ata 3,6 matrimonios por mil habitantes.

Así mesmo, mantívose á alza a tendencia na idade media do matrimonio, que alcanzou o ano pasado os 36,2 anos para os varóns e os 33 para as mulleres. Se se observan só os primeiros matrimonios, as medias están en 33,8 e 31,6 anos, respectivamente. Nun 17,8 por cento dos celebrados entre heterosexual polo menos un dos contraentes era estranxeiro.

Contenido patrocinado