CxG aproba o seu programa marco para as municipais

Xoán Bascuas
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 28 febrero 2015 17:57
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia (CxG) aprobou este sábado o programa marco da organización galeguista para as próximas eleccións municipais, no que "deberá prevalecer o enfoque de abaixo a arriba".

   En concreto, este programa marco, titulado 'Unha nova política municipal para construír un novo país dende os concellos', foi redactado por Manuel González, membro da Executiva, segundo precisou Compromiso por Galicia nun comunicado.

   Para o secretario xeral desta organización, Xoán Bascuas, este documento "non deixa de ser unha recompilación dunha serie de medidas e recomendacións de carácter xenérico". De feito, explicou que, nela, se irán incorporando "achegas de diversos colectivos".

   Nesta mesma liña, fixo fincapé en que, neste domuneto, "deberá prevalecer o enfoque de abaixo a arriba", de tal maneira que "sexan as liñas e propostas nacidas no ámbito local as que configuren o eixe central de cada programa municipal".

   "Estas eleccións municipais serán unha pasito máis na consolidación do noso proxecto político", explicou Bascuas, para logo dicir que, "con traballo", CxG está a facer que "o verde vaia tinguindo a cada paso máis os concellos".

   Así mesmo, puxo en valor o "esforzo organizativo" de desenvolver primarias abertas para escoller os candidatos de Compromiso ás alcaldías. "Non só predicamos coa democracia, senón que tamén aplicámola dentro e fóra", sentenciou.

CATRO GRANDES GRUPOS

   As medidas incluídas neste programa marco aparecerán agrupadas en catro grandes grupos: "transparencia e rexeneración democrática""xestión eficiente dos recursos públicos nos concellos", "mellora do benestar e da igualdade", e "desenvolvemento económico local e sostible".

   Entre estas medidas, Bascuas destacou o establecemento da poxa pública como "método preferente de adxudicación de obras e servizos". Así mesmo, apostou por "eliminar a contratación de asesores de xeito permanente durante o mandato", limitándose a "aspectos puntuais" nos que "non exista un perfil técnico axeitado para a súa xestión" entre os empregados públicos da Administración local".

   De igual modo, o secretario xeral de Compromiso por Galicia defendeu a posta en marcha de "presupostos participativos".