SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 May. (EUROPA PRESS) -
Santiago de Compostela acollerá os próximos días 15, 16 e 17, a Conferencia Internacional de Diarios en linguas minoritarias e multilingüismo (Midas) que este ano organiza o xornal Galicia Hoxe, que pertence ao Grupo El Correo.
Deste modo, este ano celebrarase na capital galega coincidindo co quinto aniversario do seu nacemento do Galicia Hoxe o próximo 17 de maio, en que se conmemora o Día das Letras Galegas.
O acto terá lugar no hotel AC Pazo do Carmen e está previsto que acudan membros de institucións oficiais e da Xunta, así como do Concello de Santiago e da Universidade de Santiago xunto con profesionais do periodismo, a informática e a lingüística.
A sesión de apertura será o venres 16 de maio ás 9.15 horas e nela está previsto que interveña a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o presidente de Midas, Toni Ebner, e o director do Galicia Hoxe, Caetano Díaz.
A asociación Midas creouse en 2001 seguindo a proposta de directores de máis de dez comunidades lingüísticas de Europa co obxectivo de coordinar as súas estratexias e de estimular a cooperación nas áreas do intercambio de información, de impresión e de mercadotecnia, organizar campañas, promover publicacións e obter o apoio das institucións europeas.
A conferencia celebrouse en Palma de Mallorca, Bratislava, Helsinki, San Sebastián, Bautzen, Apenrade e Cluj e a través dela "conseguiuse que 31 diarios de España ata Finlandia" se unisen a Midas, que conta máis de 45 millóns de persoas na UE que falan unha lingua distinta ás oficiais dos seus países.