Aviso: Esta noticia tiene más de un año. Última actualización: 16/03/2010 21:59
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Mar. (EUROPA PRESS) -
O presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas, Manuel Vázquez, esixiu hoxe ao titula da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que diga "a verdade" sobre a situación financeira da comunidade baseándose na auditoría encargada á consultora KPMG, que avalou a solvencia dunha eventual unión entre as dúas caixas de aforro galegas.
"Vostede non contou a verdade a Galicia", sentenciou, na súa quenda de réplica no Debate sobre o Estado da Autonomía, no que asegurou ao máximo mandatario autonómico que poderá contar co seu partido unha vez coñeza a realidade. "Pero non nos engatuse, porque esta lea non se arranxa con mentiras", advertiu Vázquez, quen recomendou a Feijóo que non trate de abordar a fusión "derrubando a porta".
"En vez de derrubar a porta, use a chave", receitou, para explicar a posteriori que a "chave" conséguese "falando" coas entidades de crédito. Deste modo, ao igual que na súa primeira intervención, aconsellou a Feijóo "ir aos lugares onde lle levan a contraria e non a onde lle fan a pelota", posto que a fusión decidena as caixas. "Non hai ningún parlamento autonómico que aprobe unha fusión", insistiu.
Resolto o asunto das caixas, retomou o pacto pola crise que ofreceu ao xefe do Executivo galego, convencido de que fai falta "usar todas as armas" da Administración autonómica para saír da actual conxuntura económica. "Aí atoparanos sempre", comprometeu o dirixente dos socialistas galegos. En materia económica, presidente e líder dos socialistas intercambiaron ofertas de pactos nas súas respectivas intervencións, pero sen que callase ningunha alternativa.
Dada a dureza da réplica de Feijóo, quen lle advertiu de que "única lección" que pode recibir do PSdeG é de como "sobe o paro" en Galicia", Vázquez censurou que o presidente galego "empece coa man tendida e conclúa co puño pechado". "Este é o meu presidente", ironizou.
QUE FEIJÓO DEA O TEMPO NA TVG
"Hoxe asistimos á antoloxía de que non ten proxecto de país e de que non sabe que facer co Goberno con que se topou", lamentou, tras sentenciar que Feijóo "xa non ten crédito". Avalou esta afirmación ao recordar que prometeu baixar o tramo autonómico do IRPF --na súa sesión de investidura-- e "un ano despois" garante deducións fiscais relacionadas coa compra de vivenda. "Só son lumes artificiais, para ver se pica alguén", concluíu.
Na mesma liña, acusou ao presidente de "enganar moitas veces ao Parlamento", en cuestións como a reforma da lei da Compañía de Radio Televisión de Galicia. "Pedía vehementemente medios de comunicación neutrais e agora ten un 80 por cento de presenza nos informativos", reprobou, tras o cal o animou a "conseguir o 20 por cento restante e a dar tamén o parte meteorolóxico".
"NON QUEREMOS SER OS SEUS AMIGOS"
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG rebateu as críticas de Feijóo sobre a ausencia de proxecto lingüístico dos socialistas ao entender que "hai que ser moi valente ou moi cínico" ao pronunciarse sobre esta cuestión tendo en conta as "grandes manifestacións" convocadas contra o seu "ataque" ao galego.
"Non queremos os seus consensos nin ser os seus amigos para atacar á lingua", resolveu, tras asegurar que o seu partido non se venderá "por un puñado de votos" ante un decreto que non respecta o Plan Xeral de Normalización Lingüística nin a Lei de Normalización Lingüística.
Finalmente, vaticinou que Feijóo "chegará a ser un galego histórico, por ser presidente e por causar o dano máis grande á lingua da época democrática", pero advertiu que "nunca será un galeguista", en réplica a que o máximo mandatario autonómico se erixira pola mañá en defensor do "galeguismo do século XXI".
De feito, o líder do PSdeG interpretou que "cando se lle quere ao país de verdade", ponse a Galicia "na primeira división estatutaria". "Porque despois, uns van á negociación do financiamento autonómico a tocar de oído e outros, con papeis", ilustrou, para apelar á necesidade de acometer unha reforma no texto estatutario. "Pero vostede só levou a súa soberbia", sentenciou.