Decretan prisión sen fianza para o detido polo atropelo mortal en Vilagarcía acontecido a pasada fin de semana

O mozo recoñece ser o autor dos feitos durante o interrogatorio policial aínda que asegura que non conducía ebrio

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 13 mayo 2008 21:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 May. (EUROPA PRESS) -

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) decretou hoxe prisión sen fianza para o mozo de 25 anos, Pablo B. G., veciño da parroquia de Vilaxoán, acusado dun delito de homicidio por imprudencia e doutro de omisión do deber de socorro pola súa presunta implicación no atropelo mortal acontecido a pasada fin de semana neste municipio pontevedrés.

Segundo confirmaron fontes policiais a Europa Press, o detido, cuxo alcume responde a 'Castiñeiras', pasará hoxe a súa primeira noite na prisión da Lama (Pontevedra), a onde foi trasladado esta tarde dende as dependencias da comisaría de Vilagarcia.

O mozo recoñeceu, durante o interrogatorio policial previo ao seu paso a disposición xudicial, que se produciu a primeira hora desta tarde, ser o condutor do vehículo implicado no suceso que custou a vida ao novo Manuel Abalo, cando cruzaba por un paso de peóns na Avenida da Mariña de Vilagarcía. Non obstante, asegurou que non conducía ebrio cando se produciron os feitos.

Sobre as 15.00 horas un coche da Policía Nacional trasladou ao arrestado ao xulgado de garda de Vilagarcía, onde foi recibido con berros de "asasino, asasino" por parte dos mozos amigos da vítima, Manuel Abalo, de 23 anos de idade.

NUN PASO DE PEÓNS.

Ao parecer, o mozo foi delatado por un coñecido seu, cuxa declaración permitiría identificar a Pablo B.G. como responsable do accidente mortal, xa que era el quen conducía o automóbil modelo Audi-A4 de cor negra que protagonizou o atropelo. De forma habitual, o detido utilizaba este turismo, propiedade da súa tía, aínda que no momento da detención conducía un vehículo da súa propiedade.

Ademais, a análise dos restos que se desprenderon da parte dianteira do turismo cando se produciu a colisión co corpo de Manuel Abalo, así como do espello retrovisor, permitiron identificar o vehículo implicado no accidente como Audi e se descartou que sexa un modelo Wolksvagen Golf.

Veciños de Vilaxoán, a parroquia na que reside o detido, apuntaron que o sospeitoso é unha persoa vinculada co estraperlo e que conta con antecedentes por este tipo de delitos. De feito, recentemente foi detido no campo de fútbol de San Martín cando traficaba con estupefacientes. Segundo o seu testemuño, utilizaba varios vehículos de gama alta, un dos cales foi o implicado no accidente da fin de semana.

Os feitos producíronse na madrugada do domingo ás 5.45 horas cando o novo Manuel Abalo foi arrastrado por un automóbil que circulaba a gran velocidade cando atravesaba a calzada polo paso de peóns á altura do número 102 da Avenida e a Mariña.

Contenido patrocinado