Defensa da Ría organizará unha manifestación contra a renovación da autorización ambiental a Ence e Elnosa

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 22 septiembre 2011 21:53

PONTEVEDRA 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra vai celebrar, o próximo 21 de outubro, un acto de protesta contra o proceso de renovación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) ás empresas Ence e Elnosa.

O colectivo ecoloxista é partidario de convocar unha manifestación, aínda que tampouco descarta que sexa unha concentración, en función das propostas que realicen os colectivos sociais, culturais, sindicais e políticos aos que a APDR quere facer partícipes desta mobilización.

Trátase da principal acción da campaña que a organización ambiental está a desenvolver para expresar o seu rexeitamento á posible concesión da AAI tanto á fábrica pastera como á planta química situadas xunto á ría de Pontevedra. Ademais da repartición de carteis co lema "Razóns abondo" ("Razóns abondas"), a APDR recolleu unhas 3.500 alegacións individuais contra a devandita autorización, e presentou senllos recursos.

Outra iniciativa que promove Defensa da Ría é unha charla que terá lugar o martes 27 de setembro a partir das 20.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra. Participarán o médico e alergólogo Fernando Filgueira, que abordará na súa intervención a incidencia da contaminación na saúde das persoas, e a profesora de Dereito Administrativo Alba Nogueira, experta en Dereito Ambiental, que exporá as razóns que, dende o punto de vista legal, impedirían a concesión da autorización a Ence e Elnosa, segundo a APDR.

INCUMPRIMENTOS

O presidente do colectivo ecoloxista, Antón Masa, sostén que Ence e Elnosa incumpren a lexislación vixente en materia de "protección e calidade do medio", polo que considera que non se lles pode conceder a autorización ambiental integrada "por moi regulado que sexa o procedemento".

Ademais, Masa anunciou que a APDR está a "pensar en exercer o seu dereito de interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo" contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestimou a solicitude presentada hai tres anos por esta asociación para que non se lles concedesen a Ence e Elnosa as autorizacións ambientais que necesitan para manter a súa actividade industrial.

"Non queremos deixar pasar esta posibilidade e facemos isto para evitar que poida ser utilizado en nosa contra", sinalou Antón Masa para argumentar a interposición deste novo recurso. O presidente da APDR considera que a sentenza do TSXG "pode ter algunha incidencia" na concesión das AAI".

Contenido patrocinado